Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A exposición durante anos a desengraxantes, pegamentos ou pinturas prexudica á memoria

23-05-2014 - HIXIENTE

A ciencia coñecía xa os efectos adversos para a saúde que pode chegar a ocasionar pinturas e pegamentos. Agora un estudo da Escola de Saúde Pública de Harvard (EUA) sinala que as persoas que están expostas a pintura, pegamento ou fumes desengraxantes no traballo poden ter problemas de memoria e pensamento durante a vellez cando se xubilan, décadas despois da súa exposición.

"Os disolventes representan un risco real para a saúde cognitiva no presente e o futuro dos traballadores e, como a idade de xubilación aumenta, a cantidade de tempo que as persoas están expostas tamén sobe", alerta a autora do estudo, Erika L. Sabbath.

Ao subir a idade de xubilación tamén hai o o tempo que as persoas están expostas. O estudo -publicado na edición imprimida de Neurology- incluíu a 2.143 xubilados da empresa de servizo público nacional francesa, dos que se avaliou a súa exposición de por vida aos disolventes clorados e os derivados do petróleo e o benceno, incluíndo o tempo da última exposición e a dose de por vida.

Dos participantes, o 26% foron expostos ao benceno, o 33%, aos disolventes clorados e o 25%, aos derivados do petróleo. O benceno úsase para fabricar plásticos, caucho, tinguiduras, deterxentes e outros materiais sintéticos, mentres os disolventes clorados se poden encontrar nas solucións de limpeza en seco, limpeza de motores, decapantes e desengraxantes, e os disolventes derivados do petróleo se utilizan en goma das alfombras, ceras para mobles, pintura, diluínte de pintura e verniz.

Os participantes completaron oito probas de memoria e habilidades de pensamento uns dez anos despois de xubilarse, cando tiñan uns 66 anos. O 59% dos participantes presentaban deterioración en entre unha e tres das oito probas; o 23% tiña deficiencias en catro ou máis probas, e o 18% non tivo unha puntuación deficiente en ningunha.

Persoas expostas entre 12 e 30 anos mostraron deterioración en case todas as áreas cognitivas. A investigación encontrou que as persoas con alta exposición recente aos disolventes se encontraban en maior risco de déficit de memoria e de pensamento.

Por exemplo, as persoas con alta exposición recente aos disolventes clorados tiñan un 65% máis de probabilidades de presentar puntuacións deterioradas nas probas de memoria e atención visual e a conmutación de tarefas que os que non foron expostos aos disolventes. Os resultados foron os mesmos despois de ter en conta factores como o nivel de educación, a idade, o tabaquismo e o consumo de alcohol.

"As persoas con alta exposición nos últimos entre 12 e 30 anos mostraron deterioración en case todas as áreas de memoria e pensamento, incluídas as que non adoitan asociarse coa exposición a disolventes", detalla Sabbath.

Pero o que realmente chama a atención é que tamén se detectaron algúns problemas cognitivos nos que foran altamente expostos hai moito máis tempo, ata 50 anos antes da proba, o que suxire que o tempo non pode diminuír por completo o efecto da exposición a disolventes nalgunhas habilidades de memoria e cognitivas cando a exposición de por vida é alta.

Esta experta cre que os resultados poden ter implicacións nas políticas sobre os límites de exposición aos disolventes no lugar de traballo.

 

Fonte :Preventionworld.com

 

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS