Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A ITSS insta ao Sergas a correxir as deficiencias detectadas na cociña do hospital de Ourense

13-06-2018 - Seguridade

A Inspección de Traballo vén de comunicarlle á EOXI de Ourense que ten un prazo de dous meses para corrixir as múltiples deficiencias detectadas na cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A CIG presentara unha denuncia diante da autoridade laboral o pasado 11 de abril ante as múltiples deficiencias detectadas nas instalacións deste servizo, situadas no edificio materno infantil do CHUO; estas deficiencias mantéñense dende hai anos, a pesares de ser comunicadas en reiteradas ocasións, o que ten provocado numerosos accidentes laborais.

No informe elaborado pola Inspección constátase, entre outras cuestións, o risco de caídas debido ao mal estado do chan, a probabilidade de incendio debido á graxa acumulada nas campás (a concesionaria fai unha única limpeza semanal), o perigo de electrocución ao atoparse cadros eléctricos sen tapa, enchufes na zona de lavado que non son estancos e a posibilidade de lesións musculo esqueléticas pola realización de tarefas que obrigan a manterse de pé por períodos prolongados e en posicións forzadas.

En consecuencia, a autoridade laboral fixa un prazo de dous meses para que a actual Xerencia da EOXI “adopte as medidas oportunas para corrixir as eivas detectadas”, segundo explican dende a federación de Saúde da CIG de Ourense.

Fonte: www.cig.gal

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS