Financiado por:
/ Portada / Lexislación

Ratificados os Convenios 190 sobre a violencia e o acoso no traballo e 177 sobre o traballo a domicilio

30-05-2022 - OIT

O pasado 25 de maio o Estado español consignou na sede da Organización Internacional do Traballo os instrumentos de ratificación dos Convenios 190 sobre a violencia e o acoso no traballo e 177 sobre traballo a domicilio. O director xeral da OIT, Guy Ryder, recordaba que España levaba 11 anos sen ratificar ningún convenio.

O Convenio 177 sobre o traballo a domicilio, adoptado en 1996, establece unha normativa para mellorar as condicións das persoas traballadoras a domicilio. Entrará en vigor doce meses despois da data en que fose rexistrada a súa ratificación.

O convenio número 177 da OIT e a recomendación número 184 foron adoptados na 83ª Reunión da Conferencia Internacional do Traballo en xuño de 1996. Actualmente está ratificado por 13 países.

Este convenio define o traballo a domicilio como o que se realiza en locais de traballo distintos aos locais de traballo do empregador/a a cambio dunha remuneración e conforme ás especificacións do empregador/a.

Recoñece para os traballadores/as que se ocupan das familias e os fogares os mesmos dereitos que para o resto das persoas traballadoras. Desta maneira, deberán desempeñar o seu labor cunha duración da xornada laboral razoable, contarán cun descanso semanal de polo menos 24 horas consecutivas e deberán respectarse os principios e dereitos fundamentais no traballo como os de liberdade sindical e de negociación colectiva.

O Convenio tamén sinala que deberá aplicarse ao traballo a domicilio a lexislación estatal en materia de seguridade e saúde no traballo e esixe aos intermediarios no traballo a domicilio responsabilidade xunto á do empregador/a. Ademais, determina o papel da inspección de traballo como  garante do cumprimento da normativa.

Tamén prevé que as persoas traballadoras poidan acollerse ás disposicións  internacionais que lles resulten máis favorables.

Ligazón ao Convenio 177 da OIT

Ligazón á Recomendación 184

 

O Convenio 190 sobre a violencia e o acoso foi aprobado pola OIT en 2019 e ten como obxectivo explícito a erradicación da violencia e o acoso “no mundo do traballo”, un termo amplo que abarca situacións e colectivos que van máis aló da relación laboral. Actualmente está ratificado por 15 países.

O convenio sinala á violencia e o acoso no traballo como unha ameaza aos dereitos humanos incompatible co traballo decente, requirindo un enfoque inclusivo que teña en conta as consideracións de xénero.

O texto do convenio, protexe a todas as persoas que participan nas relacións laborais sen ter en conta a súa situación contractual ou se pertencen ao sector público ou ao privado. Tamén estende o seu ámbito a calquera lugar de traballo relacionado coa actividade laboral, aos desprazamentos motivados polo traballo e as comunicacións relacionadas con esta actividade.

Este convenio esixe promover a liberdade de asociación e o dereito da negociación colectiva, eliminar a violencia e o acoso, o traballo forzoso, o traballo infantil e a discriminación en materia de emprego e ocupación, especificamente para os grupos especialmente vulnerables ademais de esixir aos empregadores/as a adopción de medidas apropiadas para a prevención mediante políticas relativas á violencia e acoso no lugar de traballo.

O convenio establece que se deberán garantir vías de recurso e de reparación apropiadas e eficaces que contemplen procedementos de presentación de queixas e investigación, de solución de conflitos e medidas de protección fronte a represalias ademais de garantir o dereito do traballador/a de afastarse das situacións que supoñan un risco.

Ademais, recolle a necesidade de aplicar o convenio a través da lexislación estatal, os convenios colectivos ou calquera outra medida acorde coas prácticas do país.

Ligazón ao Convenio 190 da OIT

Ligazón á Recomendación 206

O 25 de xuño de 2021, o Convenio 190 entrou en vigor e os  mandantes da OIT e outros actores relevantes dirixíronse á OIT en busca de orientación sobre como dar efecto práctico aos novos instrumentos. Esta Guía busca responder a esta demanda aclarando as definicións, os principios básicos e as medidas consagradas no Convenio núm. 190 e a Recomendación núm. 206. Axuda aos lectores a comprender o alcance dos instrumentos e lanza luz sobre como os Estados membros avanzaron recentemente na Prevención e eliminación da violencia e o acoso relacionados co traballo proporcionando unha ampla selección de exemplos de leis, regulamentos, políticas e outras medidas estatais.

Ligazón á Guía sobre o Convenio 190 e sobre a Recomendación 206 da OIT

 

Ligazón aos datos sobre ratificacións de Convenios e Protocolos da OIT

 

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS