Co financiamento de:
/ Portada / Lexislación

Novas normas para limitar a exposición a substancias perigosas, chumbo e diisocianatos, no traballo

09-02-2024 - PARLAMENTO EUROPEO

O Parlamento adoptou o mércores novos valores límite de exposición ao chumbo por primeira vez en corenta anos e para os diisocianatos por primeira vez na historia. Ambas as substancias son de uso habitual na renovación de edificios e na fabricación de baterías, turbinas eólicas e para que os vehículos eléctricos sexan máis lixeiros. A nova lei, xa acordada cos Estados membros e aprobada, protexerá máis eficazmente a saúde das persoas traballadoras ao reducir os límites de exposición para estas substancias.

Na UE, entre 50.000 e 150.000 traballadores/as están expostos ao chumbo e 4,2 millóns de traballadores/as a diisocianatos cada ano.

A exposición ao chumbo pode afectar á fertilidade de mulleres e homes e ao desenvolvemento do feto. Tamén pode danar o sistema nervioso, os riles e causar hipertensión.

Os novos límites, actualizados por primeira vez dende 1982, fixaranse en menos dunha cuarta parte dos valores actuais: o límite de exposición profesional fixarase en 0,03 mg/m³ e o valor límite biolóxico en 15 µg/100 ml.

A Comisión Europea terá que revisar estes límites nun prazo de cinco anos para protexer mellor ás traballadoras en idade fértil, tendo en conta os últimos datos científicos.

Valores límite para diisocianatos por primeira vez

Os diisocianatos son unha das causas máis comúns da asma ocupacional e poden causar reaccións alérxicas.

A nova lei estabelece o límite de exposición profesional para os diisocianatos en 6 µg de NCO/m³ (a concentración máxima á que un traballador/a pode estar exposto durante unha xornada laboral de oito horas) e en 12 µg de NCO/m³ para a exposición a curto prazo (é dicir, un período de 15 minutos). A Comisión Europea revisará estes límites para 2029.

Persoas previamente expostas ao chumbo

Algúns traballadores/as estiveron expostos ao chumbo durante varios anos e acumularon niveis de chumbo en sangue moi por encima de calquera novo valor límite. Para protexer a saúde destes traballadores/as de maneira máis robusta, os controis médicos terán que realizarse regularmente para ver se poden continuar as tarefas que implican a exposición ao chumbo.

Próximos pasos

O Consello tamén deberá aprobar formalmente o texto antes da súa publicación no Diario Oficial da UE e a súa entrada en vigor.

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS