Financiado por:
/ Portada / Lexislación

Nova directiva sobre radiacións ionizantes

05-02-2014 - HIXIENE

A nova directiva 2013/59 que publicou o Diario Oficial o día 17 de xaneiro establece normas de seguridade básicas para a protección contra os perigos derivados da exposición ás radiacións ionizantes e derroga cinco directivas anteriores, polo que constitúe un novo marco no seu ámbito de aplicación.

 

 

 

As disposicións derogadas son as seguintes:

  1. A Directiva 89/618/Euratom, relativa á información da poboación sobre as medidas de protección sanitaria aplicables e sobre o comportamento a seguir en caso de emerxencia radiolóxica.
  2. A Directiva 90/641/Euratom, relativa á protección operacional dos traballadores exteriores con risco de exposición a radiacións ionizantes por intervención en zona controlada.
  3. A Directiva 96/29/Euratom, pola que se establecen as normas básicas relativas á protección sanitaria dos traballadores e da poboación contra os riscos que resultan das radiacións ionizantes.
  4. A Directiva 97/43/Euratom, relativa á protección da saúde fronte aos riscos derivados das radiacións ionizantes en exposicións médicas, pola que se derroga a Directiva 84/466/Euratom.
  5. A Directiva 2003/122/Euratom, sobre o control das fontes radiactivas seladas de actividade elevada e das fontes orfas.

Cando a devandita directiva se traslade á lexislación española (antes do 6 de febreiro de 2018) deberá substituír ao R.D. 783/2001 é dicir ao Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes. A fonte desta normativa seguen sendo as recomendacións de ICRP (Comisión Internacional de protección radiolóxica) e en particular incorporarán as que aparecen na súa publicación 103.

Respecto as modificacións que pode supoñer á normativa vixente, non se cambian os límites de dose efectiva aplicables nin aos traballadores nin ao público en xeral, se ben para o límite de dose equivalente en cristalino se fixa un valor máis baixo do que se está a aplicar.

Os cambios céntranse na exposición debida a fontes naturais de radiación (como os niveis elevados de concentración de radon ou outros isótopos), os traballadores externos ás empresas ou zonas con risco de exposición a radiacións ionizantes, nas exposicións debidas ás prácticas médicas, nas exposicións por emerxencia radiolóxica, así como nunha maior clarificación nas responsabilidades. Tamén se fai fincapé na "xustificación" e "optimización" das prácticas que signifiquen a utilización de radiacións ionizantes e o risco de exposición a estas.

Podes acceder ao texto completo da directiva dende a nosa web: Lexislación/Normativa específica/Hixiene/Riscos físicos/Normativa relativa ás radiacións ionizantes


Fonte: Prevencionintegral.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS