Financiado por:
/ Portada / IDi

Cara a unha mellor detección do gas benceno

22-11-2012 - HIXIENE

Científicos financiados pola Unión Europea desenvolveron un sensor de última xeración para detectar benceno, un gas común pero mortal, presente no petróleo cru e que se demostrou que causa cancro. O traballo realizado durante a execución do proxecto deu orixe a unha patente e foi eloxiado a nivel internacional.

Certos sólidos e líquidos emiten compostos orgánicos volátiles (COV) en estado gasoso. É dicir, os compostos evapóranse no aire a temperatura ambiente (en condicións normais, o que os volve particularmente perigosos en casos que involucran bens de consumo) e unha vez no aire poden ser inhalados ou inxeridos ou entrar en contacto coa pel.

A presenza destes compostos é controlada coidadosamente e restrinxida debido aos seus efectos negativos para a saúde e o medio.

A pesar dos seus efectos daniños para a saúde, o benceno é aínda un dos compostos químicos máis usados na industria. Emprégase con profusión na industria petroquímica e forma parte de disolventes, deterxentes e fármacos.

Existen á venda numerosos sensores que determinan a concentración de gas benceno nunha mostra dada medida en partes por mil millóns (ppmm). 

A irrupción dos nanomateriais permitiu desenvolver sensores altamente sensibles e específicos, grazas a que as superficies destes materiais teñen propiedades estruturais e químicas especiais a escala atómica e molecular.

Noutras palabras, os nanomateriais contan con sitios de recoñecemento e enlace que lles permitirían detectar moléculas individuais de gas.


Un consorcio europeo propúxose aproveitar a capacidade dos nanotubos de carbono (NTC) para activar estes sitios específicos ao desenvolver detectores de benceno moi superiores aos actuais, para o cal contou co financiamento achegado pola Unión Europea ao proxecto Nano2hybrids.

Os NTC son nanomateriais que, observados a través dun microscopio de grande aumento, aseméllanse a rolos de malla de arame. Os científicos alteraron a superficie dos NTC engadíndolles nanopartículas metálicas de diversos tamaños en distintas distribucións. Para tal fin usaron distintos métodos de deposición, algúns xa existentes e outros desenvolvidos para o proxecto. Un destes últimos foi patentado.

Os procesos avaliáronse polo miúdo co fin de identificar os seus parámetros críticos e optimizalos. Os materiais resultantes foron obxecto dunha extensa caracterización encamiñada a determinar a súa estrutura microscópica e a súa capacidade para unirse ao benceno.

O sensor de benceno de Nano2hybrids incorpora resultados experimentais e de modelos numéricos e é capaz de detectar concentracións de benceno de menos de 20 ppmm, capacidade que supera amplamente aos sensores dispoñibles na actualidade. A súa patente está en trámite.

 

Fonte: www.prevention-world.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS