Financiado por:
/ Portada / IDi

Un tecido innovador que elimina as bacterias nos tecidos sanitarios

28-12-2012 - HIXIENE

Investigadores da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC, España) lograron eliminar bacterias infecciosas de tecidos sanitarios mediante un pretratamento enzimático e a deposición simultánea de nanopartículas e biopolímeros con ultrasóns.

A investigación realizouse no marco do proxecto europeo SONO («Unha liña piloto de tecidos antibacterianos e antifúnxicos baseados en procesos sonoquímicos»), financiado con 8,3 millóns de euros mediante o tema «Nanociencias, nanotecnoloxías, materiais e novas tecnoloxías de produción» (NMP) do Sétimo Programa Marco (7PM) da Unión Europea. SONO ten o labor de mellorar as propiedades antimicrobianas dos tecidos empregados no ámbito médico mediante esta técnica vangardista.

Os investigadores ao cargo afirmaron que a técnica permite crear tecidos antimicrobianos completamente estériles que contribúen a controlar as infeccións nosocomiales. Un dos principais retos aos que se enfrontan os hospitais é precisamente este tipo de infeccións, que se desenvolven durante a hospitalización do paciente e que non estaban presentes nin presentaban indicios de incubación no momento de ingreso. Estas infeccións poden ser bacterianas e fúngicas e a súa gravidade é maior debido a que os pacientes posúen unha menor resistencia inmunitaria.

O consorcio de SONO, dirixido pola Universidade Bar-Ilan (Israel) e composto por dezasete socios europeos, utilizou encimas que melloran a adhesión das nanopartículas antimicrobianas ao tecido baixo os efectos dos ultrasóns. Coa aplicación destas encimas, os investigadores lograron unha maior durabilidade das nanopartículas no tecido, mesmo despois de pasar por setenta ciclos de lavado.

Os resultados do estudo permitirán fabricar tecidos con propiedades antimicrobianas cunha efectividade absoluta. Outro factor positivo para asegurar a efectividade do tratamento antimicrobiano é a incorporación de materiais híbridos no tecido baseados en compoñentes orgánicos e inorgánicos como as nanopartículas de cinc e o quitosano. A utilización destes produtos permite eliminar as bacterias e impedir que crezan microbios novos.

Os investigadores xa iniciaron colaboracións con varios fabricantes para confeccionar batas e sabas de hospital mediante dous prototipos. Un deles está instalado na empresa italiana Klopman International e o segundo na empresa romanesa DAVO Clothing. Os tecidos que se fabrican nestas dúas máquinas xa se están a probar nun hospital de Sofía (Bulgaria) con excelentes resultados.

Algúns dos factores que incrementan o índice de infeccións nosocomiales son, entre outros, a aparición de microorganismos resistentes, a maior frecuencia de pacientes inmunodeficientes, o aumento da complexidade das intervencións realizadas e a realización de procedementos invasores.

As infeccións contraídas no hospital están entre as principais causas de mortalidade e do aumento da morbilidade entre os pacientes hospitalizados. Estas infeccións padécenas entre un 3% e un 10% dos pacientes ingresados nun hospital e presentan unha taxa de mortalidade do 1%. Ademais aumentan a presión sobre o sistema sanitario, por exemplo en forma de baixas prolongadas entre 5 e 10 días a causa destas infeccións.

 

Fonte de Datos: cordis.europa.eu

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS