Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Un sistema valora o grao das lesións tras un accidente

28-11-2012 - SAÚDE LABORAL

Membros do Instituto de Investigación en Enxeñaría de Aragón (Universidade de Zaragoza), coordinado polo profesor José Javier Marín, deseñaron o 'sistema Move&Reach para a avaliación da capacidade funcional', baseado en medidas obxectivas do movemento e esforzos.

A ferramenta permite definir a capacidade funcional dun suxeito e o grao de operatividade co que pode realizar as actividades da súa vida diaria, así como determinadas actividades dentro do ámbito laboral.

O sistema, que se realizou en colaboración co Instituto de Medicina Legal de Aragón (IMLA) e o Instituto de Ergonomía de Mapfre (INERMAP), poderá determinar o grao de diminución da capacidade funcional dun individuo tras sufrir un accidente.

Con este informe, os forenses a cargo da investigación obterán unha base matemática e un método para sustentar a súa valoración nun xuízo á hora de determinar posibles indemnizacións.

O 'dispositivo e método para a avaliación da capacidade funcional' foi patentado pola Universidade de Zaragoza o pasado mes de marzo, e foi deseñado por profesores do Grupo de Investigación e Desenvolvemento en Ergonomía (IDERGO). A institución académica asinou ademais un contrato de licenza coa Sociedade de Prevención de FREMAP, para explotar en exclusiva a devandita patente.

O dispositivo comprende un sistema de captura de movemento tridimensional do suxeito mediante sensores distribuídos polo seu corpo e outro de rexistro da actividade muscular do suxeito. Realizáronse numerosas probas e avaliacións con voluntarios, que permitiron establecer estándares de normalidade nos distintos perfís da poboación, en relación aos rangos de mobilidade funcionais.

Aplicacións en varios campos

 O sistema pode ser de aplicación en distintos campos. Así permitirá a valoración do dano corporal en relación á limitación de mobilidade nas diferentes articulacións, para os efectos de clasificar o grao de minusvalidez temporal ou permanente.

Ademais poderá analizar o proceso de rehabilitación: estudar a evolución do paciente antes e despois dun tratamento. Tamén será útil á hora de discriminar entre enfermo-san e potencialmente simulador.

A técnica proporciona información sobre a repetibilidade da proba, moi útil para coñecer o grao de colaboración do paciente a partir dos límites máximos angulares alcanzados en cada un dos movementos realizados.

Este avaliador axudará tamén á adaptación de postos de traballo, de tal xeito, que se poderá medir a capacidade funcional do traballador e comparala coas demandas da súa actividade laboral. Isto axudará a previr lesións e propiciar a adopción de melloras no seu posto de traballo.

O sistema ten como finalidade asistir obxectivamente ao especialista no proceso de avaliación da restrición ou ausencia de capacidade de movemento para realizar unha actividade na forma ou dentro da marxe que se considera normal para o ser humano.

 

Fonte: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS