Financiado por:
/ Portada / IDi

Un novo material converte o CO2 en hidrocarburos

22-02-2013 - ENERXÍA

Investigadores da Universidade de Granada (UGR) desenvolveron un novo material, a base de carbón dopado, que permite producir enerxía a baixo custo e reducir as emisións de CO2 á atmosfera.

Trátase dun xel, que se acaba de patentar, e que permite converter o CO2 de novo en hidrocarburos, mediante unha transformación electro-catalítica, aforrando unha gran cantidade de tempo e diñeiro.

O xel de carbón dopado desenvolvido na UGR actúa como un electrocatalizador altamente disperso (está formado nun 90% de carbón e unha baixa cantidade de metais pesados) e efectivo, polo que permite transformar o CO2 en hidrocarburos a baixo custo.

Este novo material, desenvolvido integramente na institución granadina tras máis de 10 anos de investigación sobre xeles de carbón, foi patentado recentemente pola Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI).

En fase de laboratorio

 Como explica o investigador principal do proxecto, Agustín F. Perez-Cadenas, o xel de carbón dopado "non" é unha solución máxica para evitar as emisións de CO2 á atmosfera e rematar coa contaminación causada polo efecto invernadoiro, pero permite reducilas considerablemente e diminuír tamén os custos enerxéticos". De momento, este sistema encóntrase nunha fase de laboratorio, e non se aplicou aínda en plantas enerxéticas reais, se ben as probas realizadas na UGR deron lugar a resultados "altamente prometedores".

O equipo investigador que está a traballar actualmente nesta liña de investigación está formado polos profesores da UGR Agustín F. Pérez Cadenas, Carlos Moreno Castilla, Francisco Carrasco Marín, Francisco J. Maldonado Hodar e Sergio Morales Torres, ademais de María Pérez Cadenas(UNED). Inicialmente colaborou tamén Freek Kapteijn, da TUDelft (Países Baixos).

 

Fonte: ambientum.com

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS