Financiado por:
/ Portada / IDi

Un novo e revolucionario láser

21-01-2015 - I+D+i

A revista científica Nature Photonics, faise eco dun novo láser sen precedentes a nivel mundial; este láser, desenvolvido por investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo en colaboración con científicos da Universidade de Leeds (Reino Unido), o Centro de Investigación Jülich (Alemaña) e o Centro Paul Scherrer (Suíza), terá importantes e novidosas aplicacións no mundo da biomedicina e as telecomunicacións.

A tecnoloxía láser permite emitir raios de luz moi concentrados e potentes grazas ás súas propiedades físicas, entre as que se atopan ter unha única lonxitude de onda e ser monocromática. Isto permite, segundo explican os investigadores, aplicacións moi variadas que van dende o corte industrial de precisión e a transmisión de grandes cantidades de información vía cable óptico ata a detección de contaminación e múltiples avances no ámbito biomédico.

Entre os diversos tipos de láser que existen, a investigación publicada por Nature Photonics céntrase nos máis pequenos, fabricados con minúsculas capas semicondutoras, denominadas así porque poden comportarse como condutoras ou como illantes dependendo das condicións que se lles apliquen.

O artigo en Nature Photonics é a primeira publicación rexistrada pola Rede Galega de Biomateriais, constituída en decembro de 2014 no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia.

Os seus membros son o Grupo Novos Materiais, o Grupo TeamNanoTech e o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, todos eles integrados no Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo (IBI); o Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria e o Grupo de Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, o segundo deles vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria IDIS-CHUS; e o Grupo de Bioenxeñería Tisular e Terapia Celular, adscrito ao instituto INIBIC-CHUAC.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS