Financiado por:
/ Portada / IDi

Un equipo de investigadores desenvolve unha fibra magnética

22-07-2014 - I+D+i

Investigadores do departamento de Física da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) crearon unha fibra magnética cun cilindro de material ferromagnético rodeado de material superconductor, un deseño sorprendentemente sinxelo froito de complicados cálculos teóricos e moitas probas no laboratorio. O resultado é un material que conduce o campo magnético dun lugar a outro como unha mangueira leva a auga, ou a fibra óptica a luz, así que podería ter aplicacións parecidas.

Os investigadores construíron un prototipo de 14 centímetros de lonxitude, que transmite o campo magnético dun extremo a outro cunha eficiencia do 400% respecto dos métodos actuais para transportar estes campos. Demostraron teoricamente que a fibra magnética pode ser aínda máis eficiente se se rodea o tubo ferromagnético con capas delgadas alternando material ferromagnético con material superconductor.


O dispositivo pódese implementar a calquera escala, mesmo á nanométrica. Deste xeito, unha 'nanofibra magnética' capaz de controlar individualmente sistemas cuánticos podería axudar a solucionar problemas tecnolóxicos que actualmente aparecen ao tentar facer computación cuántica.


O magnetismo é básico na tecnoloxía actual, nos procesos de xeración de enerxía ou no almacenamento de información nos computadores, por exemplo. E un dos procesos esenciais nestas tecnoloxías é guiar e transferir o campo magnético, xa sexa nos grandes transformadores ou en nanodispositivos lóxicos.


A luz, formada por ondas de campos magnético e eléctrico, pódese guiar de maneira moi efectiva con fibras ópticas. Con todo, "até agora non existía ningunha tecnoloxía similar para guiar e transportar os campos magnéticos estáticos," explica o líder da investigación. "Para guiar os campos nos circuítos electrónicos ou nos transformadores de corrente utilízanse materiais ferromagnéticos, como aliaxes de ferro, pero a súa intensidade decae rapidamente coa distancia e as aplicacións son limitadas".

Fonte: agenciasinc.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS