Financiado por:
/ Portada / IDi

UPC. Unha “spin-off” crea nanotecnoloxía para purificar o aire

24-01-2012 - Universitat Politècnica de Catalunya

Goldemar Solutions é unha nova spin-off da Universitat Politècnica de Catalunya. BarcelonaTech (UPC), creada recentemente para explotar as propiedades purificadoras do aire dos clusters de ouro e achegar innovacións á industria de produtos de limpeza, ao sector do automóbil ou á industria alimentaria.

A innovadora tecnoloxía parte da investigación que desenvolveron no  Centro de Investigación en Nanoenxeñaría (CRnE) da UPC os investigadores Ernest Mendoza e Jordi Llorca, este último tamén director do Instituto de Técnicas Enerxéticas (INTE) da Univesidade. Os investigadores desenvolveron un proceso de síntese dos clusters de ouro moito máis sinxelo e económico que os que existían ata agora.



As propiedades catalíticas dos clusters de ouro, constituídos por apenas unhas decenas de átomos deste elemento químico, son coñecidas e se investígan noutros laboratorios en todo o mundo. A presenza dos clusters de ouro fai que o osíxeno sexa reactivo, e por tanto, que active procesos de oxidación que cambian as propiedades das moléculas tóxicas presentes no aire, como o monóxido de carbono, o etileno ou as sustancias que causan malos cheiros. Os clusters de ouro fan de catalizadores da reacción química, acelerándoa e facéndoa posible a temperatura ambiente.



O novo proceso de síntese dos clusters de ouro desenvolvido por Goldemar Solutions, que xa se patentou, fai viable economicamente a aplicación da nanotecnoloxía a novos produtos de purificación do aire. Un obxectivo da empresa é a produción dun aditivo que permita crear produtos de limpeza para váteres que eliminen, en lugar de enmascarar, os malos cheiros. "Temos a vantaxe de dirixirnos a mercados novos nos que non hai competencia", explica Ernest Mendoza.



"Os vehículos poderían incorporar filtros que eliminasen o monóxido de carbono do aire contaminado que entra no coche cando se conduce por unha vía moi transitada", exemplifica Llorca. A industria alimentaria tamén podería beneficiarse da tecnoloxía de Goldemar Solutions, pois os clusters de ouro poderían axudar a controlar o etileno que emite unha froita moi madura e que acelera o proceso de maduración das pezas que lle rodean.



Recoñecemento empresarial



A proposta empresarial de Goldemar Solutions foi recoñecida co premio EcoEmprendedor XXI, xurdido do programa homónimo creado por "A Caixa", Gamesa, Barcelona Activa, o Instituto Catalán de Enerxía da Generalitat de Catalunya e a Cámara de Comercio de Barcelona para impulsar empresas no sector das tecnoloxías limpas.



Durante oito meses, os fundadores de Goldemar Solutions recibiron formación para crear o plan de empresa, e en xullo de 2011 levaron o galardón que premiaba con 20.000 euros ao mellor dos 13 proxectos que formaron parte do programa.



Polo que respecta ao financiamento, Goldemar Solutions presentouse en diversos foros de investimento nos que logrou os recursos necesarios para desenvolver un produto durante o próximo ano.



No proceso de formación da empresa, Mendoza e Lorca destacan tamén o apoio do Programa Innova da UPC, que ofrece orientación aos investigadores durante a creación dunha spin-off.

 



Fonte de Datos: Universitat Politècnica de Catalunya

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS