Financiado por:
/ Portada / IDi

Traballar en equipo mellora o rendemento en época de crise

24-05-2012 - Universitat Jaume I de Castelló

Potenciar o traballo en equipo, o apoio social entre compañeiros de traballo e a coordinación mellora o rendemento do persoal en calquera empresa ou institución, demostrándose como unha ferramenta eficaz para facer fronte ás dificultades que supón unha situación de crise como a actual. Así o confirma o estudo desenvolvido polo equipo WONT Prevenció Psicosocial da Universitat Jaume I de Castelló.

O estudo titulado “Como o engagement no traballo do equipo media entre os recursos sociais e o desempeño” foi publicado pola revista científica  Psicothema, nun número especial con expertos internacionais no campo da Psicoloxía Ocupacional Positiva. Entre as principais achegas metodolóxicas da investigación, o investigador Pedro Torrente, coautor do estudo, destaca o feito de que son escasos os estudos que abordan a percepción do persoal a nivel de equipo e non individual.

Despois de estudar a unha mostra de 533 empregados pertencentes a 62 equipos de traballo de trece organizacións da Comunidade Valenciana, Torrente explica que se confirmou que “cando se aposta por potenciar o traballo en equipo, un clima de apoio social e a coordinación non só se consegue que as persoas traballen máis e mellor, senón que ademais traballen máis a gusto, o que é un factor fundamental nunha época de crise como a actual. Ademais, trátase de recursos que a empresa pode impulsar sen ningún custo e que promove un clima de seguridade psicolóxica, de crítica construtiva e de atención aos problemas interpersoais”.

Prácticas como o feito de que o supervisor medie directamente en conflitos que xurdan no seu equipo, o fomento da comunicación interna, tanto de arriba cara abaixo (boletíns periódicos ou taboleiros de anuncios) como dos empregados aos directivos (caixa de correos de suxestións, premiando as melloras) e entre os diferentes membros do equipo, a contratación de persoal que complemente as destrezas do equipo ou a creación de incentivos por resultados do equipo e non individuais, son algunhas das medidas que poden favorecer este bo clima de traballo, segundo explica Torrente.

Práctica pouco habitual en pequenas e medianas empresas

Por outra banda, o estudo puxo de manifesto que o fomento do traballo en equipo e a cooperación entre compañeiros non é unha práctica habitual entre as pequenas e medianas empresas valencianas a pesar das importantes vantaxes competitivas que supón. De feito, Pedro Torrente explica que “a partir dos resultados do estudo, estamos a traballar con varias das empresas participantes na investigación para implantar medidas que fomenten o traballo en equipo e contribuír así a mellorar os seus resultados”.

Neste sentido, a metodoloxía de investigación-acción utilizada polo equipo WONT co respaldo do Ministerio de Economía e Competitividade supón que os investigadores realicen un informe de factores psicosociais e propostas de mellora para todas as empresas participantes nas súas investigacións.

De cara a unha nova fase da investigación, o equipo dirixido por Marisa Salanova tratará de revalidar no tempo os resultados obtidos nesta primeira análise “co fin de confirmar se co impulso do traballo en equipo dase inicio ao que denominamos unha espiral positiva, de mellora do clima laboral e de resultados positivos ao longo do tempo”. A investigación conta con financiamento por parte do Ministerio de Economía e Competitividade e do programa VALi+d da Generalitat Valenciana.

 

Fonte: Universitat Jaume I de Castelló

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS