Financiado por:
/ Portada / IDi

Sensores sen fíos intelixentes, o último en prevención de riscos laborais

12-12-2013 - SEGURIDADE

Trátase dun sensor intelixente e sen fíos que alerta dun posible perigo para potenciar un ámbito de traballo seguro, deseñado por un equipo de investigadores da Universidade Politécnica de Valencia (UPV).

Unha gran fábrica. Un home porta material cunha carreta, outro anda despistado mirando un albará dun pedido. Ambos os dous van chocarse en metade do corredor, polo que poden resultar feridos. Un sensor intelixente detecta o perigo e avisa aos operarios. Final feliz, os traballadores nin se tropezaron.

Non se trata do guión dunha curtametraxe futurista, non. Esta situación tan cotiá, a dos pequenos accidentes laborais, agora vai ter un vixía. Trátase dun sensor intelixente e sen fíos que alerta dun posible perigo para potenciar un ámbito de traballo seguro, deseñado por un equipo de investigadores da Universidade Politécnica de Valencia (UPV). Segundo a revista Computers in Industry, o sensor é "un novo sistema intelixente e de baixo custo de monitorización e xestión que se empregou para mellorar as condicións de seguridade dos empregados no interior de fábricas e naves industriais".

Segundo explica Carlos Palau, investigador do grupo de Sistemas e Aplicacións de Tempo Real Distribuído e profesor da UPV, "o sistema baséase no uso de tecnoloxías Sensor Web Enablement, un sistema que permite monitorizar información clave na seguridade do ámbito laboral, dende o funcionamento da maquinaria ou a evolución do proceso de fabricación, ata diversas variables vinculadas á saúde do traballador. Deste modo, pode utilizarse para avaliar os riscos e evitar así calquera posible accidente en ámbitos industriais".

A aplicación consiste en sensores intelixentes conectados a un centro de control cun servidor no que se reciben e almacenan todos os datos rexistrados. A partir deles, "o sistema pode tomar decisións en tempo real de cara a garantir a máxima seguridade dos traballadores, como por exemplo deter unha máquina ou mandar unha alerta a un operario en concreto", di Palau. "Nunha fábrica, podemos ter diferentes sensores distribuídos para controlar a saúde ou para xestionar a maquinaria. Co noso sistema, estes sensores envían a información ao servidor que actúa como centro de avaliación e de axuda á decisión para a xestión da seguridade", engade o investigador.

Os investigadores da UPV avaliaron durante o estudo as prestacións do sistema tanto en simulacións coma en diferentes probas reais. Segundo a publicación, os científicos escenificaron "o interior dunha fábrica no que había un risco de impacto entre un operario que manipulaba unha carreta e outro que circulaba por un dos corredores da fábrica. O sistema advertiu o perigo e impediu ese accidente, mandando para iso unha alerta da situación a ambos os dous traballadores,". Palau explica que "a saúde e seguridade dos traballadores é un aspecto clave para mellorar a competitividade e a produtividade na industria; o noso traballo pretende contribuír a este obxectivo, aplicando para iso tecnoloxías de xestión de sensores nunca antes utilizadas neste sector".

Este método de prevención de accidentes pode incluírse en calquera ámbito, como por exemplo residencias de persoas maiores e hospitais. Aínda que soe a película de ciencia ficción e lle quite intríngulis á vida quizais non resulte tan mal ter un grande irmán nos ámbitos laborais.

 

Ideal.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS