Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Robot cuadrúpedo que toma mostras de aire en lugares perigosos

27-06-2024 - I+D+i

Analizar o aire en busca de substancias químicas perigosas en instalacións industriais onde se traballa con ese tipo de substancias ou en calquera outro lugar onde o aire puidese contaminarse de forma perigosa, por exemplo por mor dun incendio, é unha tarefa importante pero moi perigosa para o persoal técnico encargado de executala. Para manter ás persoas técnicas fóra de perigo, o equipo de Bin Hu, da Universidade Jinan en Cantón, China, está a desenvolver sistemas móbiles de detección de gases perigosos e compostos orgánicos volátiles mediante a construción de dispositivos de mostraxe robotizados aos que se pode dar ordes por control remoto.

Algúns destes robots son drons cuxa misión é voar pola zona da que se necesita tomar mostras. Outros son pequenas embarcacións sen tripulación deseñadas para que tomen mostras do aire situado sobre a auga na que flotan.

 A última incorporación do equipo de Bin Hu a esta colección de autómatas para toma de mostras de aire é un robot parecido a un can pero cun brazo articulado nas costas. O brazo, de control independente, está provisto de tres cápsulas que poden recoller e illar mostras de aire en calquera momento da misión do robot.  Este robot pode camiñar a través do lume e afrontar outras situacións potencialmente perigosas para tomar as citadas mostras e analizalas.

 Hu, Ximeng Liu da Universidade Jinan en Cantón e os seus colegas puxeron a proba o seu "laboratorio andante” a través de diversas contornas desafiantes, como unha rede de sumidoiros ou un almacén de produtos químicos, co fin de tomar mostras do aire para detectar substancias perigosas.

 Aínda que o robot tivo problemas para desprazarse con eficacia en condicións de choiva e neve, recolleu mostras de aire e colocounas no seu espectrómetro de masas para analizalas in situ en menos tempo do que se tardaría en trasladar as mostras a un laboratorio externo, e sen poñer a un técnico/a humano nunha situación de perigo.

 Tal como afirman os seus creadores, os robots desta clase representan un enfoque "intelixente" e máis seguro para detectar compostos perigosos.

 Hu, Liu e os seus colegas expoñen os detalles técnicos do novo robot e da súa capacidade tomando mostras e executando análises químicas na revista académica Analytical Chemistry, baixo o título “Portable Mass Spectrometry for On-site Detection of Hazardous Volatile Organic Compounds via Robotic Extractive Sampling”.

Fonte:  NCYT de Amazings

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS