Financiado por:
/ Portada / IDi

Residuos de castañas para crear biopavimentos

12-01-2017 - I+D+i

Co proxecto Innobiorresiduos, no que están a traballar empresas de varios puntos da xeografía galega de diferentes sectores (desde o primario ao terciario), preténdese atopar "unha maneira innovadora de usar residuos e coprodutos procedentes do sector agroindustrial galego". A valorización destes subprodutos e polo tanto o proxecto, apuntou, ten “un interese tanto económico como ambiental”. No primeiro ano de desenvolvemento do proxecto caracterizáronse os produtos da industria madereira e da castaña elixidos, co fin de definir para qué serven; tamén se realizaron probas dos produtos obtidos en mostras de asfalto e solos ao tempo que se comezou a traballar na valorización enerxética dos residuos xerados nestes procesos a través de compost ou produción eléctrica.

O proxecto realízase a través do Consorcio Innobiorresiduos liderado por Extraco e formado polas empresas galegas Galaicontrol, Betanzos HB, Soutos Sativa e Indutec Ingenieros. Traballan como entidades subcontratadas o Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo, situado no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, e o Grupo de Investigación en Enxeñaría Civil e Enerxías Mariñas da Escola Politécnica Superior de Lugo. A iniciativa, que se desenvolve desde febreiro de 2016 ata finais de 2018, conta con financiamento da convocatoria Conecta Peme 2016 da Axencia Galega de Innovación, da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia, con cargo a fondos Feder da UE.

Segundo informa o investigador principal do laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo, analizáronse quimicamente as características de varios residuos de castaña, como son follas, restos de podas e ourizos, e un conglomerado de madeira de eucalipto. O seguinte paso do proceso é o fraccionamento destes materiais para obter os produtos de interese para o proxecto, fase na que actualmente están a traballar. “A finalidade última é obter bacteriocinas, para a conservación das castañas; biosurfactantes, para a mellora dos taboleiros de madeira, e antioxidantes para facer biopavimentos”, explicou Domínguez. “Esta revalorización de residuos e coprodutos permitirá non só incrementar o valor engadido de produtos e empresas implicados senón tamén minguar os danos ambientais que provoca a existencia destes residuos”.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS