Financiado por:
/ Portada / IDi

Os refugallos vexetais ofrecen enerxía e novos alimentos

23-07-2013 - I+D+i

Entre o 5 e o 50 por cento da materia prima que entra nas industrias de transformados vexetais remata como residuo no vertedoiro ou destínase a alimentación animal.

Agora, investigadores do proxecto europeo Value, coordinado pola Asociación para a Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación Alimentaria de A Rioxa (CTIC-cita), formulan novos usos para estes subprodutos: dende a obtención de enerxía (bioetanol a partir de residuos de marmelada ou biogás cos “alperujos” procedentes das almazaras) ata a extracción de fibra alimentaria e polifenois empregando restos de froitas e hortalizas.
O programa, integrado no marco do programa europeo Interreg IV SUDOE e con financiamento dos fondos FEDER, céntrase nos países do sudoeste europeo (Francia, Portugal e Estado Español).

O seu obxectivo é achegar solucións á industria agroalimentaria que dean valor aos seus subprodutos, identificando, experimentando, validando e difundindo tecnoloxías de tratamento e valorización. Con iso trátase de reducir, reutilizar e dar novos usos a estes produtos desbotados, á vez que se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro causadas polos bioresiduos que van ao vertedoiro.

Rafael López, investigador da asociación e coordinador do proxecto Value, explica que "dos subprodutos vexetais, como o cardo, se pode obter un tipo de fibra que logo se incorpora a outros alimentos, e tamén polifenois, que serven como antioxidantes e se empregan ademais na fabricación de produtos cosméticos”.

A tecnoloxía permite que estes residuos se convertan en materia prima para novos procesos de transformación. "Da ameixa -continúa López- extráense pectinas para alimentación, usando a polpa, mentres que cos ósos triturados poden fabricarse agromateriales para construción,".
'Ecoinnovación' para o sudoeste de Europa

O escaso nivel de tratamento dos residuos é un problema xeneralizado en todo o sudoeste europeo, especialmente grave no noso país en rexións como La Rioja, Navarra ou Aragón, cunha alta concentración de empresas deste tipo. A preocupación por encontrar solucións é crecente, e máis tendo en conta a esixente lexislación ambiental europea.

A través deste proxecto puxéronse en común a experiencia técnica e os problemas que se encontran as empresas, co fin de dar a coñecer e transferir as diferentes tecnoloxías alternativas existentes para o aproveitamento dos residuos, tanto alimentario coma enerxético e de obtención de novos materiais.

Para iso implicouse a pemes representativas do sector dos transformados vexetais, coas que teñen realizando experiencias piloto de extracción, valorización e aproveitamento de subprodutos con alto valor engadido.

Segundo explican os responsables do proxecto, os resultados, difundidos en talleres, servirán como ferramenta ás industrias para a toma de decisións sobre investimentos en tecnoloxías de valorización. Tamén se pretende contribuír ao desenvolvemento do sector da eco-innovación nestas rexións.

Esta iniciativa conta cun presuposto de 1.226.235 euros. Xunto a CTIC-cita, participan o centro tecnolóxico especialista en investigación mariña e alimentación AZTI-Tecnalia, do País Vasco; a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB); a Fundación CENER-CIEMAT, centro especializado en enerxía renovables de Navarra; APESA, Asociación para o Medio e a Seguridade en Aquitania; o Centro de Transferencia de Recursos Agrícolas de Toulouse (CRT-CATAR, Francia) e o Centro Técnico de Valorización de Residuos de Guimarães (CVR Residuos, Portugal).

Fibras e antioxidantes a partir de refugallos de cardo

Unha das experiencias piloto do proxecto VALUE centrouse na extracción de fibras e compostos antioxidantes a partir de desfeitos de hortalizas. Tratábase de obter fibra alimentaria neutra en cor e sabor, e con boas propiedades tecnolóxicas para o seu uso alimentario.

As probas realizáronse con residuos de tomate, brócoli, coliflor, cardo, alcachofa, cenoria e champiñón achegados por industrias de Extremadura, Murcia e La Rioja.

O tomate presentaba demasiados carotenoides, mentres que o coliflor e o brócoli tiñan o inconveniente dos compoñentes azufrados que lle dan o seu aroma característico. O cardo foi o que mellores resultados deu: aínda que o seu compoñente maioritario é a auga, este vexetal ten un gran contido en fibra dietética, que pode extraerse das follas externas que se deshechan durante a súa limpeza (ata un 75% da materia prima).

Segundo os investigadores, esta fibra pode incluírse como ingrediente en alimentos como pans, cereais, barriñas de cereais, galletas, bolería, pastas, iogures e derivados lácteos, así como en salsas e produtos dietéticos. Obtívose, ademais, un extracto de polifenois útil na formulación de produtos cosméticos.

 

Fonte: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS