Financiado por:
/ Portada / IDi

Obteñen un novo tipo de cemento a partir de residuos cerámicos

09-04-2014 - I+D+i

Investigadores da Universidade Politécnica de Valencia, a Universidade Jaume I de Castelló, o Imperial College de Londres e a Universidade Estadual Paulista de Sao Paulo (Brasil) obtiveron no laboratorio un novo tipo de cemento máis sostible fabricado con residuos cerámicos. O avance abre unha nova vía de negocio para a idustria cerámica.

"Trátase dun material totalmente novidoso. A súa principal característica é que non contén cemento portland, o que o convierte nun material máis sostible que os empregados actualmente. Está composto unicamente polo residuo cerámico, unha substancia química activadora e auga".

Así explica Mª Victoria Borrachero, investigadora dun equipo do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía do Formigón (ICITECH) da Universidade Politécnica de Valencia que desenvolveu un novo tipo de cemento con residuos cerámicos, xunto a outros científicos da Universidade Jaume I de Castelló, o Imperial College de Londres e a Universidade Estadual Paulista de Sao Paulo (Brasil).

Trátase dun material máis sostible que os utilizados actualmente que, segundo os seus promotores, abre ademais unha nova vía de negocio para a industria cerámica. Os primeiros resultados deste traballo foron publicados na revista Construction and Building Materials.

Ladrillos triturados

Ata o momento, os investigadores traballaron con residuos de ladrillos, de cerámica sanitaria (lavabos e inodoros) e de gres porcelánico como base, obtendo un produto final cunha resistencia mesmo superior aos conglomerantes utilizados hoxe en día.

Os primeiros estudos leváronse a cabo utilizando residuos de ladrillo de arxila vermella e, como substancia activadora, hidróxido sódico ou mesturas hidróxidosódico-silicato sódico.

"O proceso para obter o cemento neste caso é moi sinxelo: primeiro trituramos o ladrillo, móese e mestúrase coa disolución activadora; inmediatamente amásase xunto co árido e o cemento xa está preparado para ser colocado en moldes e sometido a un proceso de endurecemento especial a alta temperatura", apunta Mª Victoria Borrachero.

O equipo céntrase agora no estudo das prestacións dos produtos obtidos cos residuos de cerámica sanitaria e gres porcelánico. Ademais, están analizando novas substancias activadoras que permitan obter un produto final aínda máis sostible.

"Fixemos xa probas con cinza de casca de arroz e os resultados son moi positivos. A súa utilización permitiría obter un produto final aínda máis sostible e máis barato, porque estaría composto case na súa totalidade por residuos reutilizados," destaca a investigadora.

 

Agenciasinc.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS