Financiado por:
/ Portada / IDi

O gasto das empresas en innovación caeu preto dun 9% en 2011

29-11-2012 - I+D+i

O gasto en innovación tecnolóxica das empresas españolas situouse en 2011 en 14.756 millóns de euros, o que supuxo unha redución do 8,8% respecto ao ano anterior. O descenso acumulado dende 2008 situouse no 26%, segundo recolle un informe do Instituto Nacional de Estatística (INE)

En 2011 o gasto en innovación tecnolóxica das empresas españolas caeu un 8,8% respecto ao ano anterior e situouse nos 14.756 millóns de euros, segundo o informe presentado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en Madrid, na sede da Fundación Cotec.

O informe destaca así mesmo que o gasto en innovación das empresas caeu en 2011 por terceiro ano consecutivo, acumulando un descenso do 26% con respecto a 2008.

A Enquisa sobre innovación nas empresas (2011) do INE efectuouse sobre unha mostra de 42.000 empresas españolas de 10 ou máis asalariados.

A cifra de gasto en innovación distribuíuse da seguinte forma: I+D interna (un 47,4% do total), I+D externa (20,6%) e adquisición de maquinaria, equipos, hardware e software (20,2%).

O sector no que máis descendeu o gasto en innovación foi o da construción, que caeu un 22,1%, seguido dos servizos, cun 13,4% menos; a agricultura, cun descenso do 12,1%; e a industria, un 3% menos.

Os sectores que máis investiron en innovación tecnolóxica foron os de servizos de I+D (11,1%), vehículos de motor (10%) e telecomunicacións (9,4%).

O número de empresas que realizaron actividades innovadoras descendeu un 17%, segundo o INE.

Na análise por áreas de actividade, o estudo observa que os sectores con maior porcentaxe de empresas innovadoras foi o farmacéutico (co 75,4%), equipos de transporte (73,4%) e produtos informáticos, electrónicos e ópticos (70,9%).

Segundo a enquisa, o número de empresas que realizaron actividades innovadoras en 2011 foi de 20.487, un 17% menos que o ano anterior.

Gasto por comunidades

 O estudo indica que as comunidades autónomas que tiveron maior gasto en innovación tecnolóxica en 2011 foron a Comunidade de Madrid (36,2% sobre o total nacional de gastos), Cataluña (23,1%) e País Vasco (10,5%).

Respecto ao ano 2010 o gasto en innovación tecnolóxica reduciuse en todas as comunidades agás en Comunidade Foral de Navarra, onde aumentou un 24,5%, País Vasco (cun incremento do 6,0%) e Principado de Asturias (que inverteu un 4,8% máis).

 

Fonte: SINC

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS