Financiado por:
/ Portada / IDi

Novo sistema que optimiza o consumo enerxético da iluminación pública

28-07-2014 - I+D+i

Para dar resposta ás esixencias do último regulamento de eficiencia enerxética da iluminación pública, investigadores da ETSI Industriais da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), en colaboración coa Universidade Pontificia Comillas, deseñaron un sistema de regulación de enerxía, baseado na combinación de diversos elementos electromagnéticos, que reduce de maneira eficiente o fluxo luminoso das lámpadas mediante a diminución da tensión de alimentación das mesmas.

Trátase, en opinión dos investigadores, dun sistema robusto, sen apenas mantemento, moi eficiente e cun tamaño, peso e custo menor que o dos sistemas de regulación que se empregan na actualidade, baseados en electrónica de potencia. O deseño do sistema xa foi protexido mediante patente, e esta está licenciada a unha empresa  fabricante de transformadores.


A eficiencia e o aforro enerxéticos son obxectivos prioritarios nunha sociedade que incrementa a súa demanda enerxética a medida que avanza tecnoloxicamente. Se a isto unimos que a iluminación representa aproximadamente o 50% do consumo eléctrico de calquera concello, o reto da optimización do consumo enerxético nos sistemas de iluminación pública convértese nun obxectivo prioritario.


O novo sistema está baseado na utilización de compoñentes electromagnéticos fronte aos complexos e custosos equipos electrónicos que se instalaron. Isto confírelle unha gran robustez fronte a condicións climáticas externas, ademais dun comportamento excelente fronte a curtocircuítos, descargas eléctricas, sobretensións, etc.

As esixencias de mantemento son practicamente nulas, moito menores que as dos sistemas de regulación empregados na actualidade. Cunha configuración moi sinxela un só dispositivo permite regular todas as lámpadas dunha mesma liña entre dous niveis de tensión e así diminúe de maneira eficiente o seu consumo sen acelerar por iso o seu envellecemento.


A fabricación do novo dispositivo é un proceso fácil e económico que non precisa de man de obra moi especializada. Do mesmo xeito, tamén é moi sinxela a súa instalación nas liñas de iluminación pública.

Fonte: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS