Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Novo impulso para a investigación en enerxía fotovoltaica

30-11-2012 - ENERXÍA

A investigación europea dedicada ás enerxías renovables recibiu un novo impulso grazas á creación recente do proxecto Kestcells, financiado con máis de 3,7 millóns de euros. O seu obxectivo é a creación dunha rede de formación científica interdisciplinaria sobre tecnoloxías fotovoltaicas avanzadas de película delgada, que permitirá a Europa obter tecnoloxías vangardistas, asegurar o seu dominio global e aumentar a súa competitividade nas tecnoloxías xa existentes.

En concreto, o proxecto Kestcells propón o desenvolvemento de tecnoloxías novas que permitan cumprir cos requisitos necesarios para que a enerxía fotovoltaica se estableza como unha alternativa de futuro fiable ás fontes de enerxía non renovables. Estes requisitos inclúen a rendibilidade, a eficiencia, a sostibilidade e a posibilidade de fabricarse en serie.

Dende o proxecto confían en que a clave para cubrir todas as necesidades podería residir nun mineral denominado kesterita. Por iso dirixirán os seus esforzos ao desenvolvemento de células solares baseadas neste mineral.

A profesora Susanne Siebentritt, directora da Unidade de Investigación sobre Física do Laboratorio de Fotovoltaica da Universidade de Luxemburgo, dirixirá un equipo desta institución encargado de estudar a física básica relacionada coas propiedades semicondutoras dos materiais novos utilizados nas células solares.

"Traballamos no desenvolvemento de tecnoloxías fotovoltaicas baseadas en kesterita, un mineral cunha gran proporción de cobre e cinc, co fin de cumprir cos requisitos de custo, eficiencia e sostibilidade necesarios para producir en serie células solares destinadas á produción de enerxía solar", explicou a profesora Siebentritt. "Esta rede de formación permitirá que Europa se manteña á cabeza da enerxía solar", continuou.

O equipo xa descubriu que a escaseza de profesionais competentes neste ámbito é un dos principais obstáculos ao desenvolvemento e a consolidación dun sector fotovoltaico europeo competitivo.

O interese dos novos materiais reside no seu alto potencial para aplicarse en tecnoloxías fotovoltaicas de película delgada de baixo custo, xa que a kesterita contén elementos abundantes e baratos. O proxecto propón o desenvolvemento de tecnoloxías fotovoltaicas baseadas en kesterita e o deseño de procesos compatibles cos requisitos de eficiencia necesarios para que se estableza nun futuro como unha alternativa ás fontes de enerxía non renovables.

Rede de investigadores

 Segundo os responsables desta iniciativa, a creación dunha rede de investigadores destas dimensións permitirá un desenvolvemento estratéxico de tecnoloxías fotovoltaicas en Europa. Indicaron que este plan se axusta aos obxectivos indicados no "Plan de acción tecnolóxico para a enerxía fotovoltaica" da Comisión Europea.

Para alcanzar os obxectivos principais do proxecto, durante o proxecto formaranse doce doutorandos e outros dous investigadores en réxime de postdoutorado. Aprenderán temas relacionados coa ciencia fundamental dos materiais, as tecnoloxías avanzadas de crecemento de películas finas, técnicas de caracterización avanzada e monitorización de procesos, a modelización e o deseño de dispositivos e outros aspectos relacionados coa innovación e a implementación industrial de liñas de produción e análise de mercado.

Susanne Siebentritt tamén participou nos comités organizador e científico do III Taller europeo sobre kesterita celebrado os días 22 e 23 de novembro en Luxemburgo. O taller reuniu expertos de toda Europa dedicados ás células solares baseadas en kesterita. Profesores e investigadores debateron sobre o crecemento de películas e cristais de kesterita, as propiedades electrónicas e estruturais dos materiais de kesterita e a estrutura e a caracterización das células solares.

 

Fonte: ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS