Financiado por:
/ Portada / IDi

Novidoso sensor para a detección de formaldehido

06-08-2014 - HIXIENE INDUSTRIAL

Investigadores do estado español desenvolveron un novidoso sensor para a detección de formaldehido, un sistema, que abre a porta á realización de medicións deste axente tóxico 'in situ' en lugares de traballo onde este contaminante canceríxeno estea ou poida estar presente.

O novo sensor, realizado pola Sociedade de Prevención de Fremap, en colaboración co Grupo de Sensores Químicos Opticos e Fotoquímica Aplicada (GSOLFA) da Universidade Complutense de Madrid, está baseado na utilización de fibra óptica e dun indicador específico permitindo a correcta identificación e cuantificación deste contaminante.

"A pesar da sinxeleza da súa fabricación, o emprego de fibra óptica permite detectar niveis de formaldehido na atmosfera tan baixos como 14 partes por billón", explicou Catedrático do departamento de Química Orgánica e responsable da investigación na UCM, Guillermo Orellana.

"A captura de datos de xeito continuo e a comunicación destes en tempo real facilitará a toma de decisións á hora de controlar a exposición laboral a formaldehido", explican. Ademais, o sensor podería adaptarse ao seu uso no campo ambiental e no de control de procesos industriais.

Con este descubrimento poderanse cuantificar as concentracións de formaldehido en lugares de traballo de grandes dimensións e asociar o sistema de detección a dispositivos de alarma que avisen da súa presenza en cantidades por enriba dos niveis de actuación fixados en cada caso.

Este novo sistema de monitorización supón un importante avance respecto aos sistemas actuais de medición, avance que vén determinado pola súa especificidade, resistencia e a capacidade de achegar información precisa e en tempo real do nivel de formaldehido en distintos puntos dos lugares de traballo.

Dende a Sociedade de Prevención de Fremap, a súa coordinadora Nacional de I+D+i, Beatriz Ramos, defende o desenvolvemento desta ferramenta dende o impacto que os axentes tóxicos ten na saúde dos traballadores. O impacto económico da sinestralidade e as enfermidades laborais, tanto nas empresas coma no sistema público de saúde," é cada vez máis alto, explica.

"Por este motivo e segundo a visión europea de Factories of the Future, era necesario abordar unha serie de retos en Hixiene Industrial que permitisen a anticipación ás posibles situacións de risco e o deseño de medidas de control máis eficientes, como é o caso dos riscos derivados da exposición a formaldehido," engade.

Actualmente, case un millón de traballadores na Unión Europea poden estar expostos a esta substancia no sector da madeira ou no sector sanitario, ademais uso é común para conservar pezas e tecidos anatómicos (cadáveres, tecidos para análise, etc).

Este axente tóxico pasará a ser considerado axente canceríxeno de categoría 1B, a partir do 1 de abril de 2015, segundo o Regulamento Europeo n.º 605/2014 publicado recentemente. "A consideración do formaldehido como axente canceríxeno de categoría 1B requirirá dun maior control das exposicións laborais", sinalou o coordinador de Hixiene Industrial en Sociedade de Prevención de Fremap, Miguel Angel Alba.

Neste contexto, engade, "sistemas de detección e cuantificación de formaldehido como o patentado xogarán un papel importante no desenvolvemento de sistemas fiables de detección e control en tempo real da exposición, así como para elaborar avaliacións de riscos".

Os traballos desenvolvidos polo grupo de investigación mereceron a concesión, por parte da Oficina Española de Patentes e Marcas, dunha patente de invención titulada 'Sensores e métodos para a detección e cuantificación de aldehidos'. A patente, cuxa titularidade recae en Sociedade de Prevención de Fremap, recolle tanto o sensor desenvolvido para a detección e cuantificación de aldehidos coma o procedemento de fabricación deste.

 

Fonte: Miguel Martínez Losada

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS