Financiado por:
/ Portada / IDi

Investigadores do CSIC desenvolven pilas de combustible microfluídicas feitas de papel

21-05-2014 - I+D+i

Investigadores do CSIC desenvolveron pilas de combustible microfluídicas en papel que permiten que dispositivos de diagnóstico como as tiras de fluxo lateral, usadas por exemplo nos test de embarazo ou os test de glicosa, funcionen sen necesidade de baterías externas.

O uso das tiras de fluxo lateral estendeuse no campo do diagnóstico debido ao seu baixo custo, lixeireza, portabilidade e capacidade de proporcionar unha resposta rápida e doada de ler. En ocasións, estes dispositivos necesitan dun lector con baterías para cuantificar o resultado.

Non obstante, isto evítase coas pilas de combustible desenvolvidas polo Instituto de Microelectrónica de Barcelona, en colaboración co Instituto de Catálise e Petroleoquímica, ambos os dous do CSIC, xa que poden proporcionar suficiente potencia eléctrica para alimentar os sensores ópticos ou electroquímicos dun ensaio e mostrar os resultados sen fontes de enerxía externas.

O papel é un material barato, biodegradable, delgado, flexible e, ademais, ten a capacidade de transportar fluídos por capilaridade. Baseándose nesta capacidade, os investigadores incorporaron elementos ao papel que reaccionan ao entrar en contacto cunha mostra líquida, auga no caso do estudo, e deste modo se produce a reacción que xera a electricidade para a posta en marcha do dispositivo de diagnóstico.

Un achado con múltiples aplicacións

Ata o momento os ensaios realizáronse con metanol como combustible pero os investigadores traballan xa na optimización dos dispositivos para que poidan proporcionar enerxía a partir de moléculas que están presentes en fluídos biolóxicos, como son a glicosa en sangue ou a urea, no caso dos ouriños.
E as aplicacións deste achado non se limitan ao ámbito biomédico senón que tamén se poden estender a outros campos nos que as tiras de ensaio desbotables son amplamente utilizadas, como acontece no sector ambiental, no veterinario, o agroalimentario e seguridade, entre outros.

As investigacións continúan cara á integración das pilas de combustible coa tecnoloxía de electrónica orgánica. Desta forma, todos os compoñentes necesarios: sensores, fonte de enerxía, electrónica, pantalla, poderían fabricarse nun mesmo proceso de impresión roll-to-roll, unha técnica pola que se depositan capas de materiais illantes e condutores en substratos flexibles que pasan dun rolo a outro.

 

Fonte: CSIC

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS