Financiado por:
/ Portada / IDi

Fabrican un formigón barato con cinzas da combustión de biomasa de oliveira

03-04-2013 - I+D+i

Investigadores do departamento de Enxeñaría Civil da Universidade de Granada obtiveron un formigón autocompactante a partir de cinzas procedentes da combustión de pellets fabricados con restos de poda do oliveiral.

Segundo Montserrat Zamorano Toro, unha das responsables do proxecto, o novo formigón, pola súa plasticidade e cohesión, non require compactación ningunha durante o seu uso na construción, e presenta vantaxes respecto aos formigóns convencionais, o que se traduce nun considerable aforro económico e de tempo.

Os resultados preliminares, que foron publicados na revista Construction and Building Materials, explican o uso das cinzas voantes procedentes da combustión, en caldeiras domésticas, de pellets elaborados con residuos procedentes de biomasa de oliveira, como substituto do fíller, na fabricación de formigón autocompactante.

Zamorano sinala que o novo formigón presenta unha resistencia á compresión lixeiramente superior aos do formigón tradicional, e superior ao mínimo establecido polo Real Decreto 1247/2008, do 18 de xullo, polo que se aproba a "Instrución de formigón estrutural".

Tradicionalmente, para conseguir un formigón autocompactante requiríase o emprego, xunto aos tradicionais áridos, auga e cemento, dun material granular inerte de fina granulometría, chamado filler e dun aditivo superplastificante que mellore a fluidez do formigón en estado fresco.

Dende a aprobación das políticas europeas e estatais para o fomento do uso de enerxías renovables, tivo lugar un crecente uso da enerxía da biomasa en diferentes ámbitos, con importantes vantaxes ambientais.

O problema das cinzas

"Non obstante a súa combustión implica, en contrapartida, a produción de subprodutos da combustión de biomasa, as cinzas, que deben ser xestionadas atendendo aos principios básicos da xestión de residuos establecidos pola lexislación europea e estatal", engade a investigadora. Na actualidade, estas cinzas elimínanse en vertedoiros ou utilízanse na agricultura. Con todo, o incremento na súa produción fai necesario buscar outras alternativas, entre as que se encontran a súa aplicación no sector da construción.

O uso de cinzas voantes no sector da construción, obtidas como residuo da combustión de carbón nas centrais termoeléctricas, está suficientemente demostrado e mesmo normalizado. Non acontece o mesmo co das cinzas da biomasa da oliveira, obxecto deste estudo, cuxas características químicas e físicas mostraron uns resultados moi diferentes aos contrastados nas cinzas tradicionais (fundamentalmente, debido á súa inactividade durante os procesos de fraguado do cemento e a que son máis finas).

Zamorano indica que, á luz dos resultados deste traballo, "a utilización de cinzas voantes de biomasa como fíller en formigón autocompactante é factible", se ben é necesario realizar un estudo a maior escala e cun alcance máis amplo para garantir a fabricación de alta calidade.

 

Agenciasinc.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS