Exoesqueletos para mecánicos12-07-2022 - I+D+iOs exoesqueletos robotizados poden axudar a persoas cuxo oficio esíxelles esforzos físicos de forma moi habitual. Dende manter no alto os brazos sen podelos apoiar en nada a fin de aparafusar e desparafusar pezas nun punto elevado, ata agacharse para levantar do chan pezas de varios quilogramos de peso, son moitas as accións típicas de oficios como o de mecánico nas que, sen requirir tanta forza como para xustificar o uso de maquinaria especial, o esforzo físico acumulado ao longo da xornada laboral pode ser considerable e conducir a dores de costas e outros efectos nocivos e mesmo desembocar en enfermidades laborais. |
|---|
O equipo de Jesús Ortiz, do Instituto Italiano de Tecnoloxía (IIT), está a traballar en novos exoesqueletos robóticos, que o usuario poida levar postos cunha molestia non moi superior ao de levar posto un chaleco, e que sirvan para reducir os riscos de lesións relacionadas co traballo.
Estes científicos xa deseñaron e fabricaron innovadores prototipos de exoesqueletos robóticos para uso industrial que contribuirán a facer máis seguro o traballo en diversos sectores industriais, incluíndo o da mecánica de vehículos. Mediante os seus motores eléctricos e algoritmos de intelixencia artificial, estes dispositivos robóticos utilizables a modo de roupa axudarán aos traballadores e traballadoras que realizan as tarefas máis esixentes fisicamente. En concreto, reducirán significativamente o esforzo requirido ata nun 40% e diminuirán a porcentaxe de accidentes no posto de traballo e de enfermidades laborais crónicas. Os investigadores están a empezar a probar os prototipos en escenarios reais, e teñen previsto seguir mellorándoos ata alcanzar o nivel tecnolóxico necesario para sacalos ao mercado, Calculan que isto será posible dentro duns poucos anos.
Tres son os tipos de exoesqueleto desenvolvidos polo equipo de Ortiz. O primeiro, denominado XoTrunk, proporciona apoio á zona lumbar. O segundo, XoShoulder, axuda aos ombreiros. E o terceiro, XoElbow, reforza os cóbados.
Os investigadores puideron estudar a distribución de forzas e os esforzos corporais duns traballadores mentres executaban tarefas habituais nos seus oficios. A partir desta información, o deseño dos exoesqueletos orientouse a compensar esas tensións e reducir así o risco de sufrir lesións e enfermidades musculoesqueléticas. Ao mesmo tempo, estudaron a interacción entre o corpo humano e os tres exoesqueletos, adquirindo información importante que permitirá mellorar os prototipos e deixalos listos para a produción.
Fonte: NCYT de Amazings