Financiado por:
/ Portada / IDi

Deterxentes naturais a partires de refugallos de vide e de millo

04-02-2015 - I+D+i

Moitos dos produtos que comercializan as industrias cosmética e farmaceútica conteñen deterxentes sintetizados químicamente; este tipo de deterxentes son tamén empregados a cotío en labores de limpeza. Investigadoras/es do Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo están a traballar na obtención de produtos deterxentes naturais de interese industrial como son os biosurfactantes, de aplicación en farmacia e cosmética, e os bioadsorbentes, para o tratamento das augas residuais.

Na actualidade a obtención de deterxentes producidos biotecnoloxicamente está lastrada polo seu alto custe se se compara co custe que ten a produción de deterxentes sintetizados químicamente. O obxectivo desta investigación é conseguir produtos de elevado valor engadido e máis sostibles co medio ambiente a partires de residuos ou subprodutos de algo tan habitual en Galicia como son a vide e o millo a un custe que podería competir sen dificultade cos deterxentes sintetizados quimicamente.

En relación ao aproveitamento e revalorización de residuos da industria vitivinícola, estaríamos a falar en concreto das podas das vides; en xeral, os restos das podes rematan quimados no campo, xerando gases que favorecen o efecto invernadoiro; a xestión destes residuos para obtención de produtos útiles en diferentes sectores, permite minimizar e revalorizar os residuos, diminuíndo os custos de verteduras e contribuíndo a un desenvolvemento máis sostible

No caso dos licores de millo -coñecidos como Corn Steep Liquor CSL-, que son extractos fermentados e condensados, teñen unha concentración de sólidos dun 50% e é moi habitual mesturar estes licores con fibra de millo para producir pensos para a alimentación animal; tamén se empregan como fonte de nitróxeno, de baixo custo, en procesos biotecnolóxicos.  Estas dúas opcións son interesantes dende o punto de vista da revalorización deste subproduto, polo cal sería recomendable seguir con elas unha vez levada a cabo a extracción dos biosurfactantes (que hoxe poden acadar prezos no mercado de ata 18 euros/mg).

Os resultados obtidos xa foron publicados en varios artigos científicos e deron lugar a tres patentes relacionadas cos licores de millo, unha delas con extensión europea á espera dunha posible explotación.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS