Financiado por:
/ Portada / IDi

Crean un plástico biodegradable a partir de palla de trigo

25-01-2013 - I+D+i

O Instituto Tecnolóxico do Plástico (AIMPLAS) está a desenvolver por primeira vez un plástico biodegradable producido integramente a partir da palla de trigo e coas propiedades requiridas para ser empregado na fabricación de electrodomésticos de gama branca e no sector da electrónica doméstica.

Faino como coordinador do proxecto europeo BUGWORKERS, de 48 meses de duración, e no que participan un total de 15 socios europeos entre os que destaca a tamén valenciana FERMAX e o centro tecnolóxico vasco TECNALIA.

O residuo que se elixiu para levar a cabo as investigacións é a palla de trigo polo seu baixo custo e a súa elevada dispoñibilidade, sobre todo no centro de Europa.

Deste xeito conseguiuse dar un elevado valor engadido a un residuo que en BUGWORKERS constitúe o 100% da achega de materia prima para a produción dun plástico biodegradable.

Nanofibras de celulosa como reforzo

No proceso de elaboración do bioplástico pártese dunha bacteria que se alimenta con azucres extraidos da palla de trigo, e que sintetiza o innovador material (no interior do seu organismo converte o azucre no bioplástico).

Do mesmo residuo agrícola se conseguen extraer nanomateriais (como as nanofibras de celulosa e as nanopartículas de lignina) que constitúen o aditivo clave para mellorar as propiedades do material, e que fan posible a súa utilización en sectores como o da electrónica ou a fabricación de electrodomésticos de gama branca.

Ata o momento, os socios de BUGWORKERS lograron bos resultados na eficiencia do proceso que agora se vai levar a escala industrial. Estes resultados xa permiten falar duns custos e propiedades competitivos.

"É necesario un alto rendemento no proceso de síntese de bioplástico mediante o uso de bacterias para poder falar dun produto competitivo a nivel de custos, e en BUGWORKERS estanse a conseguir resultados moi positivos neste respecto", sinala Ana Espert, coordinadora técnica do proxecto en AIMPLAS.

 

Fonte: Redacción ambientum.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS