Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Crean novos métodos para facer biocombustible ou azucres coa palla de cereal

09-12-2015 - I+D+i

Investigadores da Universidade de Vigo colaboran nun proxecto da Universidade de Córdoba que traballa na obtención de nanofibras de celulosa. O investigador Gil Garrote, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, participa no proxecto liderado pola Universidade de Córdoba e o Campus de Excelencia Internacional Agroalimentaria co obxectivo de aproveitar os refugallos da recolección agrícola para a fabricación de materiais de última xeración cos que elaborar nanofibras de celulosa, limpar verteduras mariñas de petróleo ou crear apósitos sanitarios con sensores biométricos.

Os resultados desta investigación conxunta foron publicados nun artigo titulado “Agricultural residue valorization using a hydrothermal process for second generation bioethanol and oligosaccharides production” na revista Bioresource Technology,  asinado por F. Vargas, E. Domínguez, C. Vila, A. Rodríguez Pascual e Gil Garrote -investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense-. Segundo explican os científicos do equipo de investigación Biorrefinería de Materiais Lignocelulósicos da Industria Agroalimentaria da Universidade de Córdoba, a celulosa é un dos polímeros máis dispoñibles do planeta pola súa presenza nos vexetais. Este grupo ten unha ampla bagaxe na obtención de papel e cartón a partir da celulosa, buscando agora novos procedementos químicos para obter máis produtos e de maior valor engadido, como hidroxeles ou compoñentes para a formulación de cemento.

Entre estes procedementos está a biorrefinería de materiais lignocelulosos, que permite separar nos residuos agrícolas como a palla de cereal a celulosa, a hemicelulosa e a lignina. O primeiro material é aproveitable directamente para facer papel dende a celulosa chamada nobre, mentres que coas hemicelulosas obtéñense compostos de interese industrial, como por exemplo xilitol. Por último, está a lignina, que está presente na chamada lixivia negra ou licor residual. A colaboración coa Universidade de Vigo permitiu desenvolver novas técnicas na separación da celulosa e a lignina. O proceso disolve a materia prima cun catalizador ácido, obtendo unha fracción rica en hemicelulosas e outra rica en celulosa e lignina. A partir desta fracción líquida caracterizáronse azucres interesantes para a industria alimentaria, como xilitol. A fracción sólida, rica en celulosa, púidose fermentar para a obtención de biocombustibles.

O procedemento desenvolvido durante a investigación parte dun proceso ambientalmente favorable, ao empregar sosa a presión atmosférica. Así obtéñense fibras celulósicas que se utilizarán para a obtención de lignonanofibras de celulosa (con aparencia de xel), e licor negro, rico en lignina. Os investigadores están obtendo lignonanofibras de celulosa mediante procedementos mecánicos, enzimáticos e por oxidación TEMPO, partindo da pasta celulósica sen branquexar, o que implica un menor custe económico e ambiental respecto a outras nanofibras que se obteñen mediante un proceso previo de branqueamento.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS