Financiado por:
/ Portada / IDi

Científicos do CSIC colaboran nun sistema fotocatalítico para eliminar o SARS-CoV-2 do aire en interiores

04-02-2021 - I+D+i

Científicos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) traballan no desenvolvemento dun novo sistema fotocatalítico para eliminar o virus SARS-CoV-2, causante da COVID-19, do aire en espazos interiores. O proxecto, liderado polo Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT) e coordinado pola empresa Aire Limpo, prevé incorporar esta tecnoloxía catalítica nos sistemas de climatización e acondicionamento do aire.

“A fotocatálise parte do principio natural de descontaminación da propia natureza. Do mesmo xeito que, grazas á luz solar, a fotosíntese é capaz de eliminar dióxido de carbono (CO2) para xerar materia orgánica, a fotocatálise pode suprimir outros contaminantes habituais na atmosfera, mediante un proceso de oxidación activado pola enerxía solar”, segundo explica Javier Diéguez-Uribeondo, científico e vicedirector de Investigación no Real Xardín Botánico de Madrid (RXB-CSIC).

Esta reacción fotoquímica converte a enerxía solar en enerxía química na superficie dun catalizador (material semicondutor), que acelera a velocidade de reacción. Durante o proceso, teñen lugar reacciones tanto de oxidación como de redución, que provocan desta forma a eliminación da maior parte dos contaminantes, biolóxicos e químicos, existentes no aire.

“Esta reacción fotoquímica activada pola luz solar ou lámpadas e leds específicos UV-A, actúan como fotocatalizadores na superficie dun semicondutor e xeran os radicais hidroxilo, potentes axentes oxidantes, necesarios para reaccionar coas moléculas orgánicas e producir a rotura da cápside vírica (a envoltura do virus) e a súa desactivación final”, detalla Benigno Sánchez, investigador do CIEMAT e líder do proxecto.

“Este feito xa foi demostrado con compostos químicos ou paredes bacterianas. Falta demostrar, como este proxecto propón, que desaparece a capacidade infecciosa ao confrontar o fotocatalizador así activado co virus SARS-CoV-2. Estes ensaios xa se están comezando a realizar nas instalacións dos membros participantes”, engade o investigador.

“O obxectivo do proxecto é destruír en minutos o SARS- CoV-2 suspendido no aire interior, os chamados aerosois, e calquera bacteria ou fungo, de dependencias sanitarias e residencias. Para iso, incorporaremos nos sistemas de acondicionamento e distribución de aire xa existentes un sistema fotocatalítico eficiente que permita o seu tratamento continuado as 24 horas do día e en presenza de pacientes ou persoas de risco”, continúa Diéguez-Uribeondo.

“O proxecto incide fundamentalmente na prevención da infección ao evitar a transmisión dos virus infectantes por vía aérea. Hai estudos que sinalan que o virus en aerosois xerados en laboratorio ten unha vida media de 16 horas. Tamén hai indicios da presenza de partículas de SARS-CoV-2 e virus infecciosos nas habitacións con enfermos de COVID-19 dos hospitais”, indica Antonio Alcamí, investigador do CSIC no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBM-CSIC-UAM).

“Queremos poñer no mercado o equipo fotocatalítico como unha etapa máis nos sistemas de climatización e acondicionamento do aire”, precisa Sánchez.

“A posibilidade de eliminar o virus do aire interior de espazos pechados pode permitir un descenso xeneralizado no número de contaxiados/as e, necesariamente, de falecidos/as. A instalación deste tipo de tecnoloxías propiciará a redución de contaxiados/as e enfermos/as e traerá consigo unha menor presión sobre os centros sanitarios e demandas asistenciais”, engade Diéguez-Uribeondo.

Fonte: RXB-CSIC Comunicación /CSIC Comunicación

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS