Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Avaliar a toxicidade das nanopartículas artificiais.

21-12-2012 - HIXIENE

Coa chegada da nanotecnoloxía aumentou drasticamente a cantidade de partículas en suspensión do aire. Un equipo de investigadores financiado pola Unión Europea realizou ensaios toxicolóxicos sobre nanopartículas artificiais que poderían ter repercusións importantes en materia de saúde e de estratexias políticas.

Os nanomateriais son materiais con polo menos unha dimensión na escala dos átomos e as moléculas. Entre estes materiais cóntanse as nanopartículas (NP), que de feito son así de pequenas nas súas tres dimensións.

Unha das características que fai que as NP sexan tan interesantes ten moito que ver coa relación entre a súa área de superficie (SA) e o seu volume. Unha esfera cun raio dun metro ten unha relación SA/volume de tres a un. Pero para unha esfera cun raio dun nanómetro, a relación ascende á chilindrada de tres mil millóns a un.

Ter unha gran SA en relación co volume afecta de xeito inusual á reactividade, a resistencia e as propiedades eléctricas das partículas. De feito, o SA relativa pode mesmo ser máis importante que a propia composición destas.

Dado o auxe súbito de investigacións relacionadas coas NP e as súas aplicacións, resulta fundamental poder avaliar os seus posibles efectos sobre a saúde e a súa toxicidade. Os socios do proxecto Cellnanotox («Interacción celular e toxicoloxía das nanopartículas artificiais») estudaron o efecto que ten a relación entre o tamaño da nanopartícula e a súa química superficial no comportamento destas e os seus efectos sobre determinados órganos.

Como as NP penetran no corpo humano principalmente a través da inhalación e a dixestión, os primeiros órganos estudados foron o pulmón e os intestinos. Os sitios secundarios de interese, relacionados coa desintoxicación como consecuencia da distribución das NP a través do sistema circulatorio, foron o fígado, os riles e o sistema inmunitario.

Os científicos empregaron alternativas á experimentación con animais que inclúen cultivos celulares e cortes histolóxicos. Os resultados das probas toxicolóxicas variaron en función dos diferentes sistemas celulares. Non obstante, os investigadores comprobaron un trazo recorrente: unha exposición máis longa levaba consigo unha maior toxicidade.

A exposición a NP provocaba estrés oxidativo, un estado patolóxico provocado pola presenza dun exceso de radicais libres e especies reactivas de osíxeno no interior das células. A exposición tamén inducía unha resposta inflamatoria, que consiste nunha variedade de reaccións iniciadas polas células como resposta a unha lesión, e que pode deberse a diversos axentes, incluídos microbios e virus, ou a un trauma físico ou químico.

Os resultados do proxecto deberían ter repercusións tanto nas futuras recomendacións en materia de política e regulamentación, coma nas mentes dos enxeñeiros e científicos dedicados a deseñar este tipo de materiais para que teñan moi presente a seguridade destes.

 

Fonte de Datos: cordis.europa.eu

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS