Co financiamento de:
/ Portada / IDi

Algas como illante en edificios

14-03-2013 - I+D+i

Para moitos habitantes de zonas costeiras as algas varadas non son máis que unha inconveniencia. Pero que teñen que ver estas plantas cos edificios e a súa calefacción? Investigadores alemáns descubriron que esta materia natural pode exercer de illante de edificios e xunto a un equipo de colaboradores industriais lograron convertela nun material de illamento viable.

As praias do Mediterráneo énchense durante outono, inverno e primavera de pequenas bólas de algas procedentes da planta Posidonia oceánica. Aínda que esta materia natural abundante e renovable se considera un residuo e remata normalmente no vertedoiro, podería resultar demasiado valiosa como para descartala sen máis.

As algas posúen unha serie de características interesantes para a construción, como por exemplo ser practicamente ignífugas e resistentes ao mofo. Poden utilizarse como material illante sen necesidade de engadir substancias químicas exóxenas nos espazos entre as vigas dos teitos e o interior das paredes e amortecen as condicións ambientais ao absorber e expulsar vapor de auga sen perder as súas propiedades illantes. Ademais, a súa baixa porcentaxe de sal, entre 0,5 e 2 puntos, permite utilizalas sen que provoquen problemas de descomposición.

Non obstante, o proceso para converter estas algas nun material de construción non resulta sinxelo debido a que antes é necesario eliminar a area que as impregna, adoitan adherirse a case calquera obxecto, mesmo entre elas mesmas, e tenden a aglutinarse durante o seu procesamento e ao esparexelas nos espazos a illar. O Instituto Fraunhofer de Tecnología Química (ICT), en colaboración con outros socios industriais, deu con métodos novos para converter os restos de Posidonia nun material illante viable. Os socios do proxecto propuxéronse crear un material illante que puidese adaptarse ou pulverizarse no seu espazo de destino sen demasiadas complicacións.

"Axitar as bólas de Posidonia é o xeito ideal de lograr fibras da maior lonxitude posible sen area", explicou a Dra. Gudrun Grübe del Fraunhofer ICT. A separación meticulosa das masas de algas lograda pola Dra. Grübe e o seu equipo garante un xeito ideal de obter fibras. Tras limpalas de area chegan á trituradora a través dunha fita transportadora que deposita en bolsas fibras de entre 1,5 e 2 centímetros.

O Instituto Fraunhofer de Física da Construción (IBP) en Holzkirchen (Alemaña) descubriu que o material illante desmadexado obtido é capaz de almacenar unha cantidade de enerxía considerable -2.502 xullos por quilogramo kelvin (J/kgK)-, un 20% máis que a madeira ou os produtos derivados desta. Esta característica permítelle manter frescos os edificios durante períodos calorosos ao protexelos contra a calor durante as horas de luz.

Os resultados dunha análise confirmaron a enorme capacidade illante das fibras de Posidonia. "Pode utilizarse na construción a unha densidade o suficientemente elevada como para que non se afunda polo seu propio peso. A densidade necesaria determinouse no Instituto de Ensaio de Materiais MPA NRW de Dórtmund", aclarou a Dra. Grübe. Tamén se investigou a idoneidade deste material dende o punto de vista sanitario. Os resultados proporcionados polo Eco-INSTITUTE de Colonia desvelaron que non contén materiais tóxicos ou residuais, polo que resulta especialmente indicada para alérxicos.

Outra vantaxe da Posidonia reside en que o seu procesado consume moi pouca enerxía, polo que resulta respectuoso co medio. As madeixas de Posidonia recóllense a man e tráense ata Alemaña por mar dende Túnez ou por estrada dende Albania.

As fibras demostraron a súa idoneidade en varios proxectos de nova construción así como en renovacións. Xa hai plans en marcha para desenvolver láminas sólidas e respectuosas co medio a partir deste material para así xerar un sistema completo de illamento de teitos, fachadas, muros interiores e teitos de sotos. Investigadores do Instituto Fraunhofer continúan a investigación sobre este material. Ademais, a empresa NeptuTherm e.K. deulle nome ao novo material illante e xa comezou a publicitar o e distribuílo.

 

Fuente:cordis

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS