Financiado por:
/ Portada / IDi

A un paso de conseguir a conversión total de CO2 en metanol

19-11-2013 - I+D+i

Por primeira vez, un equipo de investigación liderado por Atsushi Urakawa, no Instituto Catalán de Investigación Química (Tarragona), conseguiu optimizar o proceso de transformación de dióxido de carbono en metanol, unha forma de reciclaxe de CO2, con conversións do 95%.

O dióxido de carbono é un dos gases que contribúe en maior medida para o efecto invernadoiro, fenómeno relacionado co cambio climático. As emisións de CO2 aumentaron vertixinosamente dende a revolución industrial e prevese que continúen ascendendo; polo tanto, a busca dunha estratexia que axude a diminuír a concentración de CO2 na atmosfera converteuse nun dos principais retos deste século.

A captura e almacenamento de CO2 e a súa reciclaxe noutros produtos menos contaminantes e útiles para a industria química son as principais solucións que propoñen os científicos.

"A conversión de CO2, unha molécula moi estable, mediante este método é extraordinariamente eficiente e o método xa pode ser implementado na industria", di o profesor Urakawa.

O método, publicado na revista internacional Journal of Catalysis, consiste en facer pasar o gas xunto con hidróxeno a altas presións por un reactor que contén un catalizador de cobre, cinc e aluminio.

Versátil e flexible

Este proceso, deseñado por Urakawa, é ademais moi versátil e flexible, xa que permite a conversión do metanol xerado no reactor noutros produtos químicos como dimetiléter, olefinas e outros hidrocarburos, mediante simples modificacións no catalizador ou a presión do reactor.

"Esta nova aproximación cara a unha conversión eficiente de CO2 abrirá novos e estimulantes debates sobre a reciclaxe química do dióxido de carbono uso do metanol como a nova divisa química do futuro tanto en industria coma no mundo académico", conclúe Atsushi Urakawa.

Esta tecnoloxía é o obxecto dunha solicitude de patente presentada polo ICIQ e ofrécese ao sector industrial para o seu desenvolvemento e comercialización mediante acordos de licenza ou proxectos de desenvolvemento conxuntos.

Referencia bibliográfica:
Atul Bansode, Atsushi Urakawa. "Towards full one-pass conversion of carbon dioxide to methanol and methanol-derived products". Journal of Catalysis Volume 309, January 2014, Pages 66-70

 

Fonte: agenciasinc.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS