Financiado por:
/ Portada / Delegados

Un xuíz responsabiliza á vítima dun accidente laboral por non tomar precaucións malia a súa experiencia

08-03-2013 - ACCIDENTE LABORAL

Un traballador demandou ao seu xefe tras caer dunha altura de sete metros e medio mentres limpaba unha nave. Pedía case catro anos de prisión e o pagamento de 271.000 euros a raíz da súa incapacidade laboral por este accidente laboral, pero o Xulgado do Penal número 2 de Zaragoza decidiu absolvelo.

O maxistrado entende que o procesado, Carlos Enrique G.F. non incorreu en ningún dos dous delitos que o acusaban: contra o dereito dos traballadores e un de lesións por imprudencia grave. Tamén se acusaba dos mesmos delitos a Carlos B.G., quen contratou os servizos do anterior.

Os feitos parten do 17 de marzo de 2009 cando o empresario, defendido polo avogado Rafael Ariza, pediu a dous dos seus traballadores, entre eles a vítima, que fosen ás naves de Embalaxes Air Plastic para que subisen ás cubertas e limpasen as canles dos tellados, tarefa que debían realizar mediante cazos con mango extensible e cepillos de varrer.

Segundo a sentenza á que tivo acceso ARAGÓN PRESS, a vítima contaba con suficiente experiencia e coñecementos para este traballo en altura e para calibrar os riscos que supoñía subir a tales cubertas, non só pola formación recibida na empresa senón pola inherente á súa condición de bombeiro profesional. Ademais a empresa á que pertencía incluía no vehículo usado polos empregados dous equipos completos de protección individual que se compoñían de calzado de seguridade, luvas de protección, casco, 20 metros de corda, arnés, mosquetóns e anticaídas.

Malia iso, ambos os dous traballadores, tras examinar as cubertas e valorar o traballo que debían facer, decidiron de común acordo que non había perigo e resolveron subir ás cubertas sen casco, corda, arnés, mosquetóns nin anticaídas e sen poñerse en contacto co procesado. Como consecuencia, a vítima caeu dende unha considerable altura, provocándolle unha incapacidade laboral.

Ante esta situación, o maxistrado entende que "no momento do accidente o denunciante non era un mozo inexperto ao que non se lle tivese dado a debida formación e se lle mandase subir a un tellado sen medios de seguridade, senón que era un bombeiro con vinte anos de experiencia". Pero o xuíz vai máis alá e pregúntase "Debe castigarse penalmente ao empresario, que pon a disposición dos seus operarios os medios de seguridade axeitados, por un exceso de confianza duns traballadores sobrados de experiencia e de coñecementos e que libremente deciden non facer uso deses medios?" respondendo que "sería absolutamente desproporcionado e conduciría a unha obxectivación insoportable do delito" "contra os dereitos dos traballadores e do delito de lesións por imprudencia".

Finalmente, no fallo recoñécese que, segundo o informe da Inspección de Traballo, a empresa non tiña no seu plan de prevención de riscos laborais o concreto risco de caída asociado á actividade de limpeza de canles en cubertas, pero o devandito plan si consideraba o risco xeral de caída de persoas a distinto nivel.

A sentenza non é aínda firme, xa que pode recorrerse ante a Audiencia Provincial de Zaragoza.

 

Fonte: aragondigital.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS