Financiado por:
/ Portada / Delegados

Un accidente por ter exceso de traballo é culpa da empresa

03-02-2014 - ACCIDENTE LABORAL

Así enténdeo o Tribunal Superior de Xustiza de Baleares nunha sentenza que obriga ao servizo de Saúde do Goberno desta comunidade autónoma, como empregador, a pagar unha indemnización de 20.000 euros a unha médica residente que se contaxiou dunha conxuntivite severa durante o desempeño do seu traballo en Urxencias.

O tribunal considera que os danos e prexuízos causados -inflamación dos ollos e perda de algo de visión- foron responsabilidade do hospital por un exceso da carga de traballo, malia quedar probado que, en termos xerais, a entidade cumpría coa normativa de prevención de riscos e dispoñía dos protocolos e avaliacións de riscos correctas.

O problema é que tamén se demostrou que había unha carga moi forte de traballo en Urxencias en tal medida que impedía ou limitaba, segundo estima a sentenza, cumprir escrupulosamente os protocolos por parte dos traballadores.

O hospital defendeuse alegando que o accidente era imputable á actuación da propia traballadora, sen que o exceso de traballo xustificase a súa conduta. Para demostralo incidiu no feito de que ninguén salvo esta médica resultou infectado.

O máis novidoso desta sentenza, ditada o pasado 6 de novembro, é que se estimase que a carga de traballo é algo que neutraliza a dilixencia esixible ao traballador no exercicio das súas funcións.

Este fallo supón un paso doutrinal importante en canto á ampliación de responsabilidade das empresas no ámbito de accidentes laborais e prevención de riscos, de tal forma que, só en casos de neglixencias moi evidentes por parte dos traballadores, os empregadores poderán librarse de pagar indemnizacións.

En opinión de Carlos Gil, socio da área Laboral do despacho SJ Berwin, aínda que non se pode falar propiamente dun suposto de responsabilidade obxectiva do empresario en todas as circunstancias, "si é verdade que a solución adoptada polo tribunal consagra a idea de que a culpa empresarial que fai falta para poder sancionar a unha empresa en casos de accidentes de traballo por infracción de medidas de seguridade queda atenuada".


Segundo o criterio do tribunal, é o empresario quen organiza e controla o proceso de produción, quen ordena ao traballador a actividade a desenvolver e a súa intensidade e, en último termo, quen está obrigado a avaliar e evitar os riscos, mesmo fronte aos seus propios descoidos e imprudencias non temerarias.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS