Financiado por:
/ Portada / Delegados

Sentenza do Tribunal Supremo na que se recoñece o dereito a unha indemnización por danos e perxuízos nun caso de enfermidade profesional

13-06-2016 - Xurisprudencia

O tema que se resolve neste recurso de casación para a unificación de doutrina, consiste en determinar se debe recoñecerse ou non unha indemnización de danos e prexuízos por unha enfermidade profesional causante dunha incapacidade permanente absoluta e do posterior falecemento dun traballador. Na demanda presentada o día 11 de xullo de 2013 o traballador pediu unha indemnización por danos e prexuízos, derivados da súa enfermidade profesional, por un importe global de 445.767,28 euros. Tras o falecemento do traballador, en novembro de 2014 con 54 anos de idade, as sucesoras do mesmo, interpuxeron o presente recurso de casación unificadora contra a sentenza de suplicación do T.S.J. de Asturias do 31 de outubro de 2014 que confirmara a desestimación da demanda, ao considerar que, pese ao contacto do traballador co amianto, non estaba suficientemente probado que a exposición ao amianto por falta de medidas de seguridade fose a causa do cancro de pulmón que lle ocasionaba a incapacidade permanente absoluta.

O demandante traballou nas instalacións dun asteleiro onde se empregaba amianto de forma habitual. As formas de presentación do mineral máis habituais era en láminas ou cordóns; non existían mecanismos de aspiración do po, senón que se varría o mesmo. Así mesmo, con motivo das operacións para retirar o amianto presente nas estruturas do lugar de traballo, a principios da década de 2000, unha empresa externa procedeu á rotura dos tellados de uralita; durante as tarefas os traballadores do estaleiro seguiron traballando nas instalacións, sen ningún tipo de separación ou barreira que lles protexese das consecuencias de tal "desamiantado"; a instancias da empresa, o traballador realizou recoñecementos médicos períodicos que incluían radiografías de pulmón, espirometrías, audiometrías e analíticas; o INSS recoñeceulle  no ano 2013 unha incapacidade permanente en grado de absoluta, derivada de enfermidade profesional (Carcinomamicrocítico de pulmón dereito en fumador e exposición a amianto con período de latencia de 38 anos).

Nesta sentenza o alto Tribunal sinala remitíndose a sentenzas anteriores da mesma sala que "Tratándose de enfermidade profesional, dunha continxencia con desenvolvemento alleo esencialmente á conduta do traballador, ante a constatada falta das legais e regulamentarias medidas de seguridade no desenvolvemento dun traballo de alto risco de enfermidade profesional, ...a conduta omisiva da empresa supuxo unha elevación ou incremento do risco de dano para o ben xurídico protexido pola norma, neste caso a saúde dos traballadores, elevando substancialmente as probabilidades de acaecimiento do suceso dañoso, como aquí ocorreu, o que nos permite estabelecer a relación causal entre o conxunto de incumprimentos referido e a enfermidade profesional declarada por exposición continua ao amianto. En suma, non cabe dúbida de que os incumprimentos supuxeron un notable e significativo incremento do risco para a saúde do traballador, de forma que é probable que de seguirse desde o principio as prescricións de seguridade regulamentarias o resultado non chegase a producirse". "No presente caso, actualizado o risco de enfermidade profesional para enervar a súa posible responsabilidade o empleador (debedor de seguridade) había de acreditar esgotar toda dilixencia esixible, o que non efectúa ante a constatada existencia de falta das esenciais e preceptivas medidas de seguridade".

Así, indica "dada a normativa aplicable en materia de protección fronte ao amianto que cita a sentenza de contraste e que se reproduce nesta, por canto a empresa non adoptou as medidas de seguridade esixibles na época, o que facilitou que o traballador inhalase o amianto que, aínda que se estimase que non foi a causa do carcinoma pulmonar, non se pode negar que agravou as doenzas pulmonares e coadyuvó ao falecemento a idade temprana do causante, cal mostra a pericial practicada. Por iso, debe concluírse que é procedente a reclamación de danos e prexuízos que se articula".

Ligazón á sentenza

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS