Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Segundo a OMS/OIT case 2 millóns de persoas morren cada ano por causas relacionadas co traballo

27-09-2021 - OMS-OIT

No estudo téñense en conta 19 factores de risco ocupacional, como a exposición a longas xornadas laborais e a exposición no lugar de traballo á contaminación do aire, a asmáxenos, a sustancias carcinóxenas, a riscos ergonómicos e ao ruído. O risco principal foi a exposición a longas xornadas laborais, que estivo vinculada a unhas 750.000 mortes. A exposición no lugar de traballo á contaminación do aire (partículas en suspensión, gases e fumes) provocou 450.000 mortes.

As primeiras estimacións mundiais da OMS/OIT sobre enfermidades e lesións no lugar de traballo poñen de manifesto o nivel de mortes prematuras evitables debidas á exposición a riscos sanitarios relacionados co traballo.

Segundo as Estimacións conxuntas da OMS e a OIT sobre a carga de morbilidade e traumatismos relacionados co traballo, 2000-2016: Informe de seguimento mundial , a maioría das mortes relacionadas co traballo debéronse a enfermidades respiratorias e cardiovasculares.

As enfermidades non transmisibles representaron o 81% das mortes. As principais causas de morte foron a enfermidade pulmonar obstructiva crónica (450.000 mortes); o accidente cerebrovascular (400.000 mortes) e a cardiopatía isquémica (350.000 mortes). Os traumatismos ocupacionais causaron o 19% das mortes (360.000 mortes).

"É chocante ver como tantas persoas morren literalmente por mor do seu traballo," dixo o Dr. Tedros Adhanom Ghebreyesus, Director Xeral da OMS. "O noso informe é unha chamada de atención aos países e as empresas para que melloren e protexan a saúde e a seguridade dos traballadores cumprindo os seus compromisos de proporcionar unha cobertura universal de servizos de saúde e seguridade no traballo."

No informe advírtese de que as enfermidades e os traumatismos relacionados co traballo sobrecargan os sistemas de saúde, reducen a produtividade e poden ter un impacto catastrófico nos ingresos dos fogares.

A nivel mundial, as mortes relacionadas co traballo por poboación reducíronse nun 14% entre 2000 e 2016. Segundo o informe, isto pode deberse á introdución de melloras en materia de saúde e seguridade no lugar de traballo. Con todo, as mortes por cardiopatías e accidentes cerebrovasculares asociados á exposición a longas xornadas laborais aumentaron un 41% e un 19% respectivamente. Isto reflicte unha tendencia crecente respecto deste factor de risco ocupacional relativamente novo e psicosocial.

Este primeiro informe de seguimento mundial conxunto da OMS e a OIT permitirá aos responsables da formulación de políticas facer un seguimento das perdas de saúde relacionadas co traballo a nivel nacional, rexional e mundial. Isto permitirá centrar máis o alcance, a planificación, o cálculo de custos, a aplicación e a avaliación das intervencións adecuadas para mellorar a saúde da poboación traballadora e a equidade sanitaria. O informe mostra que se necesitan máis medidas para garantir lugares de traballo máis sans, máis seguros, máis resilientes e máis xustos desde o punto de vista social, e que a promoción da saúde no lugar de traballo e os servizos de saúde ocupacional desempeñan un papel fundamental.

Cada factor de risco ten un conxunto único de accións preventivas, que se describen no informe de seguimento para orientar aos gobernos, en consulta cos empresarios e os traballadores. Por exemplo, a prevención da exposición a longas xornadas laborais require un acordo sobre os límites máximos saudables do tempo de traballo. Para reducir a exposición á contaminación do aire no lugar de traballo, recoméndase o control do po, a ventilación e os equipos de protección persoal.

"Estas estimacións proporcionan información importante sobre a carga de morbilidade relacionada co traballo, e esta información pode axudar a configurar políticas e prácticas para crear lugares de traballo máis saudables e seguros," dixo Guy Ryder, Director Xeral da OIT. "Os gobernos, os empregadores e os traballadores poden tomar medidas para reducir a exposición aos factores de risco no lugar de traballo. Os factores de risco tamén poden reducirse ou eliminarse mediante cambios nos modelos e sistemas de traballo. Como último recurso, os equipos de protección persoal tamén poden axudar a protexer aos traballadores cuxo traballo non lles permite evitar a exposición."

"Estes case dous millóns de mortes prematuras son evitables. É necesario tomar medidas baseadas nas investigacións dispoñibles para abordar a natureza evolutiva das ameazas para a saúde relacionadas co traballo," dixo a Dra. Maria Neira, Directora do Departamento de Medio Ambiente, Cambio Climático e Saúde da OMS. "Garantir a saúde e a seguridade dos traballadores é unha responsabilidade compartida do sector da saúde e do traballo, do mesmo xeito que non deixar a ningún traballador atrás neste sentido. No espírito dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, os sectores da saúde e o traballo deben actuar xuntos, man a man, para garantir a eliminación desta gran carga de morbilidade."

"As normas internacionais do traballo e as ferramentas e directrices da OMS e a OIT ofrecen unha base sólida para poñer en marcha sistemas de seguridade e saúde no traballo sólidos, eficaces e sostibles a diferentes niveis. A súa aplicación debería axudar a reducir significativamente estas mortes e discapacidades," dixo Beira Paquete- Perdigao, Directora do Departamento de Gobernanza e Tripartismo da OIT.

Un número desproporcionadamente elevado de mortes relacionadas co traballo prodúcese entre traballadores de Asia meridional e o Pacífico occidental, así como en homes e en persoas maiores de 54 anos.

No informe sinálase que é probable que a carga total de morbilidade relacionada co traballo sexa moito maior, xa que no futuro haberá que cuantificar as perdas de saúde derivadas de varios outros factores de risco ocupacional. Ademais, os efectos da pandemia de COVID-19 engadirán outra dimensión a esta carga que deberá ser reflectida en futuras estimacións.

Estas estimacións publícanse en vésperas do XXII Congreso Mundial sobre Seguridade e Saúde, que se celebra virtualmente do 20 ao 23 de setembro de 2021.

En maio de 2021, a OMS e a OIT publicaron o primeiro estudo que cuantificaba a carga de cardiopatías e accidentes cerebrovasculares atribuíbles á exposición a longas xornadas laborais (é dicir, 750 000 mortes). Este estudo estableceu que as longas xornadas laborais son o factor de risco asociado á maior carga de morbilidade relacionada co traballo.

Hoxe, coa publicación do informe de seguimento mundial, a OMS e a OIT lanzan a súa avaliación mundial comparativa do risco da carga de morbilidade relacionada co traballo. Esta avaliación abarca 19 factores de risco ocupacionais. É o estudo máis completo da OMS sobre a carga de morbilidade relacionada co traballo e a primeira avaliación deste tipo realizada conxuntamente coa OIT. Está dispoñible en liña unha visualización da carga de morbilidade a nivel de país, con desagregacións de xénero e idade.

Ligazón ao informe "WHO/ILO Joint Estimates of the Work-related Burden of Desease an Injury, 2000-2016"

 

Comunicado de prensa OIT 17 de setembro de 2021

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS