Financiado por:
/ Portada / Delegados

Saúde e seguridade no traballo: a Comisión inicia unha consulta pública sobre o futuro marco de actuación da UE

10-06-2013 - SAÚDE LABORAL

A Comisión Europea iniciou unha consulta pública para solicitar as percepcións e achegas do público a raíz dos resultados da avaliación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo (2007-2012), que ha de axudar a definir os retos actuais e futuros no ámbito da saúde e seguridade no traballo e a buscar solucións para abordalos.

Todos os cidadáns e todas as organizacións están invitados a participar nesta consulta, que estará aberta do 31 de maio ao 26 de agosto de 2013.

Búscase principalmente a participación de representantes das autoridades públicas dos Estados membros, de organizacións sindicais e patronais e doutras partes e expertos con interese no ámbito da saúde e a seguridade no traballo.

László Andor, Comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, declarou: «Os accidentes laborais rexistran un mínimo histórico e as normas da Unión Europea en materia de saúde e seguridade no traballo son un referente para o resto do mundo. O investimento en seguridade ocupacional paga a pena, pois permite aumentar a produtividade e o benestar dos traballadores, reducir o absentismo e os cambios de persoal e obter unha maior satisfacción no posto de traballo, especialmente durante a crise. Non obstante, este ámbito de actuación tamén presenta retos, e xuntos temos que encontrar solucións para abordalos.

A Comisión publicou hoxe, como base para a consulta, os resultados da avaliación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo 2007-2012.

As conclusións desa avaliación confirman a importancia que reviste a dimensión europea da política de saúde e seguridade no traballo, en particular polo que se refire á tendencia positiva na redución dos accidentes laborais e ao papel da estratexia da UE na coordinación de esforzos e a provisión dun marco común de actuación.

No futuro será necesario seguir actuando, en particular para mellorar a aplicación das disposicións de saúde e seguridade no traballo nas PEME e nas microempresas, para deseñar unhas ferramentas máis precisas de seguimento e recompilación de datos, para centrar mellor a atención nos riscos e as enfermidades profesionais emerxentes e para afrontar con máis eficacia os problemas de saúde e seguridade no traballo relacionados co envellecemento da poboación en idade de traballar.

Antecedentes

Dende 2002, a UE desempeña o seu papel político no ámbito da saúde e a seguridade no traballo por medio de estratexias plurianuais adoptadas formalmente pola Comisión tras as correspondentes consultas e aplicadas voluntariamente polos Estados membros e as partes interesadas.

Ata agora adoptáronse dúas estratexias na materia: a primeira en 2002, que abrangueu o período ata 2006, e a segunda en 2007, que chegou ata 2012.

A estratexia 2007-2012 fixou un obxectivo ambicioso para todos os Estados membros: reducir os accidentes laborais nun 25%. Ademais determináronse varios obxectivos específicos, entre eles:

  1. mellorar o marco regulamentario da UE en materia de saúde e seguridade no traballo, e perfeccionar a súa aplicación;
  2. adaptar o marco aos cambios no lugar de traballo;
  3. deseñar estratexias nacionais coherentes adaptadas ao contexto específico de cada Estado membro, e
  4. fomentar cambios nas condutas e promover unha cultura preventiva en todas as capas da sociedade.


En abril de 2011, a Comisión publicou unha revisión intermedia da estratexia 2007-2012. A avaliación final, xa dispoñible en liña, baséase nun amplo proceso de consulta con todas as partes interesadas deste ámbito: autoridades públicas dos Estados membros encargadas da saúde e a seguridade no traballo, organizacións sindicais e patronais a nivel nacional e da UE, expertos na materia, etc.

Máis información:

Consulta pública sobre o novo marco de actuación da UE en materia de saúde e seguridade no traballo

Avaluación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo 2007‑2012

Saúde e seguridade no traballo

 

Fonte: europa.eu

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS