Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

RSC. Traballadores flexibles ou escravos dos smartphones?

17-01-2012 - PSICOSOCIAL

"As novas tecnoloxías están a crear novas situacións: aínda non se consolidaron os usos, e por tanto non hai solucións que se acepten como boas ou malas", valora Genís Roca, socio da consultora especializada en estratexia dixital Roca Salvatella. "Ao redor do feito dixital, o primeiro debate que se xerou nas empresas foi o da privacidade, se a empresa tiña dereito a ler os e-mails. Agora ábrese o da dispoñibilidade"

Nos anos sesenta houbo moitas empresas que instalaron un cadeado no teléfono da oficina: o teléfono era un dispositivo relativamente novo, e o seu uso (e abuso) non estaba socialmente ben definido. E ante a desconfianza, ferrollo. Aínda hoxe, moitas empresas limitan o acceso a internet dende o posto de traballo, e outras, como Volkswagen, acaba de acordar cos seus traballadores en Alemaña limitar o acceso ás Blackberry fora do horario laboral. A medida só se aplica a empregados que non sexan nin directivos nin cadros intermedios; e non está claro se se bloquea todo o e-mail, ou só significa que a empresa non enviará mensaxes. En calquera caso, a polémica está servida: o móbil, aínda máis o smartphone (con internet, sexa Blackberry, iPhone, Android, ou Windows Phone) fainos traballadores máis flexibles, ou nos fai escravos do traballo?

A anécdota dos cadeados nos teléfonos lémbraa Juan Manuel Tapia, secretario de negociación colectiva de CCOO Catalunya. "Non pasa nada se a empresa che manda unha mensaxe fora do horario laboral, como tampouco pasa nada se ti mandas unha mensaxe persoal en hora de traballo. Pero hai que evitar abusos". No acordo interprofesional de Catalunya 2011-14, asinado por patronal e sindicatos, hai un apartado dedicado ao uso das tecnoloxías da información: ocupa apenas un folio e non é outra cousa que unha argumentación de sentido común. "Ao final, estas cousas regúlanse a base de uso, non explicitamente, senón pola confianza", di Tapia.



"Unha empresa pode pedir dispoñibilidade absoluta, pero iso ten unha contraprestación remunerada", apunta Mireia Sabaté, do departamento de Dereito Laboral de Baker & McKenzie. E ese non é o caso da maioría de traballadores que teñen Blackberry de empresa. "É verdade que moita xente, cando ten unha Blackberry, está permanentemente pendente aínda que a empresa non llo esixa". Así, todas as vantaxes da flexibilidade poden estar ameazadas por un mal uso: xa sexa xefes que mandan correos fóra de horas, ou empregados que sofren e respóndenos coma se fosen urxentes. Se se xera tensión, entra en materia a protección de riscos laborais psicosociais.



Algunhas empresas empezaron a redactar os seus manuais coas políticas de uso das novas tecnoloxías: ao pór por escrito normas básicas, evítanse conflitos (ou poden sancionarse). Preto de douscentos exemplos están en http://socialmediagovernance.com/policies.php. Ademais do uso dos dispositivos, outro campo no que está a aparecer normativa é a presenza nas redes sociais, sobre todo en traballos con visibilidade pública: se a miña imaxe se asocia coa empresa na que traballo, o meu Twitter é meu? "A BBC prohibiu aos presentadores de informativos estar en redes sociais", di Roca.



O avogado Ramon Arnó, de Sagaris, especializado en contorna dixital, apunta algunhas reflexións máis: limitar o correo na Blackberry non impide acceder dende outro dispositivo, como o computador en casa. Ou noutro plano, sobre a privacidade: cun teléfono que incorpora GPS (a maioría), o empregado está localizable en calquera momento, mesmo fóra de horario laboral. "A empresa pode acceder aos teus hábitos privados, e se visitas unha empresa da competencia?".



Outra reflexión necesaria é se podemos considerar que o smartphone é un dispositivo soamente da empresa, ou imos cara a unha situación na que o teléfono é un obxecto persoal que ten un dobre uso, persoal e profesional. "Considerar o teléfono como unha medio propiedade da empresa parece un anacronismo, e a medida de Volkswagen para protexer aos seus empregados sería paternalista", di Genís Roca. Pero entón aparece o factor clave: quen paga o teléfono ou o seu consumo, o traballador ou a empresa? Como pode diferenciarse o uso? Esta é unha preocupación latente no mercado: Blackberry ten un novo servizo, Balance, co que ofrece separar a información empresarial e a persoal no mesmo dispositivo.



Fonte de Datos: lavanguardia.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS