Financiado por:
/ Portada / Delegados

Prolongación forzada da vida laboral e desemprego estrutural da xente nova: un novo crime social do neoliberalismo

05-10-2021 - Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - Boletín CIG-Saúde Laboral Núm. 40

É un feito constatable que a poboación Europea está a envellecer progresivamente de tal xeito que a proporción de poboación traballadora de máis de 55 anos se incrementou do 25% de 1990 a un 30% do ano 2010, estimándose que no ano 2060 esta proporción acadará a significativa cifra do 40%.

Se ben é certo que as razóns principais do envellecemento da poboación europea teñen que ver fundamentalmente con factores tales como o aumento significativo da esperanza de vida (máis de 10 anos dende 1960) e a notable redución dos índices de natalidade; non é menos certo que ao mesmo tempo asistimos en Europa -especialmente no Estado español- a uns importantísimos e cronificados índices de desemprego entre a poboación traballadora de menor idade, a pesares de ser esta posiblemente a xuventude máis e mellor formada da nosa historia.

Envellecemento laboral e demanda de man de obra 

En paralelo a esta realidade en Europa e no propio Estado español o número de persoas en idade de traballar (entre 15 e 64 anos) está a diminuír progresiva e significativamente, prevendo a Comisión Europea (CE) que para o ano 2030 (á volta da esquina) a Unión Europea enfrontarase a un déficit de persoas traballadoras de cando menos 21 millóns de persoas.

Esta contraditoria e perniciosa situación de altos índices de paro estrutural entre a poboación traballadora de menor idade, vese extraordinariamente agravada como consecuencia das políticas inxustas e forzadas promovidas pola UE que obrigan ao alongamento e extensión da vida laboral das persoas traballadoras, so pena de verse sometidos a nesfastas penalizacións nas cuantías das pensións a percibir no caso que os traballadores e traballadoras non poidan completar a totalidade dos moitos anos de cotización que agora se esixen para ter dereito ao 100% da prestación de xubilación.

Desemprego estrutural das persoas traballadoras novas

Mentres isto acontece -persoas traballadoras forzadas a sangue e lume a manterse nos seus postos de traballo so pena de padecer unha gran rebaixa na percepción das súas pensións-, centos de milleiros de mozos/as traballadores/as levan anos sufrindo unha situación permanente de paro ou de traballos precarios e mal pagados que nada ou pouco teñen que ver coa formación e preparación que ostentan. Formación e situación que ao mesmo tempo que se vai convertendo en desfasada e obsoleta por falta de emprego e práctica profesional, condena a unha gran parte destas novas xeracións a unha imposibilidade manifesta para construír os seus proxectos de vida familiares e profesionais, abocándoos a unha situación sen expectativas de futuro, mentres se obriga aos seus pais a alongar ata o infinito a súa vida laboral.

Esta esperpéntica situación xerada en gran medida pola primacía na UE- e especialmente no Estado español- dunha visión rácana, inxusta e cortoplacista amamantada nos principios económicos e sociais nos que se substenta o capitalismo neoliberal predominante, está a causar un dano infinito de incalculábeis consecuencias para unha gran parte das novas xeracións, excluídas por principio do seu dereito a un traballo digno e estable, e que sen dúbida terá gravísimas consecuencias humanas e económicas para o conxunto da sociedade que está a permitir e incluso promover semellante aberración: os fillos no paro mentres aos seus pais se lles prolonga forzada e artificialmente a súa permanencia nos seus postos de traballo, taponando de facto o acceso ao emprego a centos de milleiros de traballadores/as das novas xeracións, convertíndoos por unha decisión política de corte neoliberal en parias económicos e marxinados sociais.

Parecería lóxico que dada esta tremenda situación dende a UE e especialmente dende o Estado español ao contario do feito ata agora, se propiciase unha política de emprego que en primeiro lugar favorecese e incentivase a contratación laboral das xeracións máis novas de traballadores/as en condicións dignas e estables, e en segundo lugar que situase a prolongación da vida laboral máis aló dos 65 anos como unha opción exclusivamente de carácter voluntario, eliminando as actuais esixencias e penalizacións.

Maiores de 55: condicionantes e limitacións

Constitúe un feito comprobado que conforme nos vamos facendo maiores e especialmente cando superamos a barreira dos 55 anos, con carácter xeral as persoas traballadoras imos diminuíndo as nosas capacidades físicas: perda de forza muscular, redución da capacidade pulmonar, necesidade de máis tempo de recuperación dos esforzos físicos, maior propensión a dores de costas e articulares, maiores dificultades para durmir e descansar axeitadamente,… etc; aínda que non é menos certo que a idade funcional non sempre vai en sintonía coa idade cronolóxica, habendo moitas persoas traballadoras que polo seu estilo de vida, a súa xenética ou as súas condicións de traballo ao longo da súa vida laboral, seguen a manter unha destacable capacidade laboral a pesares da súa idade.

En canto ao funcionamento cognitivo e as habilidades mentais, as habilidades que non se fundamentan na experiencia ou na educación/formación adquirida con anterioridade (intelixencia fluída) tenden a reducirse conforme nos adentramos na vellez, diminuíndo a nosa capacidade para manexar información complexa e resolver os problemas que esta plantexa. É importante dicir que a pesares destes factores non todas as capacidades cognitivas diminúen coa idade, así a experiencia, a intelixencia cristalizada (coñecemento) ou as habilidades sociais entre outras non só non diminúen senón que se incrementan coa idade.

Así e todo existen varios estudos contrastados que nos amosan que a empregabilidade e a vontade de cambiar se reducen coa idade, diminuíndo en comparación coas persoas traballadoras máis novas o interese polas oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento profesional.

En calquera caso un dato significativo a ter moi en conta é que segundo as estatísticas dos últimos anos, de promedio o 50% dos accidentes mortais acontecidos na UE producíronse entre traballadores/as de entre 45 e 64 anos; circunstancia esta que a todas luces indica que a prolongación da vida laboral máis aló dos 65 anos constitúe en si mesmo en moitos casos un importante factor de risco con maior ou peor pronóstico en función das condicións obxectivas de saúde da persoa traballadora, do tipo de traballo que desenvolve e as súas esixencias, das condicións específicas de traballo, dos dispositivos de apoio laboral e dende logo das condicións de seguridade e saúde laboral no lugar de traballo, entre outras.

Outras alternativas son posibles e desexables

Así as cousas, nin en termos humanos, nin en termos sociais e nin tan sequera en termos económicos, ten ningún sentido promover un alongamento forzoso da vida laboral das persoas traballadoras máis aló dos 65 anos cando centos de milleiros de traballadores e traballadoras das novas xeracións necesitan ser empregados con urxencia para aportar as súas capacidades e forza laboral fronte ao reto inmediato das transformacións do modelo económico de produción, ao mesmo tempo que se lles posibilita construír o seu propio proxecto vital e profesional no marco dunha sociedade máis xusta, democrática e igualitaria. Sen dúbida é falso e manifestamente tendencioso o discurso político que só contempla a posibilidade de autofinanciamento da Seguridade Social exclusivamente a cargo das cotizacións de empresarios/as e traballadores/as; son moitos os camiños, as alternativas e as posibilidades que están abertas para impulsar un modelo de Seguridade Social máis seguro, potente, moderno e sustentable coa contribución absolutamente de todos/as, en aras dunha idade de xubilación máis xusta e unhas prestacións de xubilación máis dignas, suficientes e equilibradas.

Documentos

ARTIGO 3 Boletin CIG Saude Laboral N 40 Version galego.pdf
Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS