Financiado por:
/ Portada / Delegados

Prohibida a venda libre de glifosato en Francia por canceríxeno

17-07-2015 - SAÚDE

O glifosato foi considerado como "probable canceríxeno" o pasado mes de marzo pola Axencia Internacional de Investigación do Cancro, dependente da Organización Mundial da Saúde. O ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, polo de agora non tomou medida algunha. En Francia a ministra de Ecoloxía anunciou que propoñerá a prohibición da venda libre do herbicida.

O glifosato é un herbicida non selectivo de amplo espectro, desenvolvido para eliminación de herbas e de arbustos, en especial os perennes.

É o principio activo do vendido por Monsanto co nome comercial de Roundup, e que se utiliza baixo outras marcas por expirar a patente, é o máis vendido no estado e no mundo e foi considerado como "probable canceríxeno" o pasado mes de marzo pola Axencia Internacional de Investigación do Cancro, dependente da Organización Mundial da Saúde, sen que o ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio tomase algunha medida.

En Francia, a ministra de Ecoloxía, Ségolène Royal, anunciou que propoñerá a prohibición da venda libre do herbicida. A ministra, a través de twitter pediu ás xardinarías que retirasen 'Roundup' dos estantes de venda libre.

O uso masivo do glifosato tamén en cidade e xardíns privados fai que a poboación quede exposta a ser contaminada a través do aire, a auga e a comida. A Axencia Internacional de Investigación do Cancro fixo público o resultado dunha avaliación de cinco pesticidas, entre eles o glifosato, do que dixo que hai certa evidencia de ser un axente canceríxeno en humanos relativa a estudos en Estados Unidos, Canadá e Suecia. Ademais hai un convencemento claro de que causa cancro en animais de laboratorio. Finalmente decidiu clasificalo como 'probable canceríxeno', xunto ao malathion e o diazinón.

Segundo Greenpeace o glifosato é detectado no aire durante a pulverización dos cultivos, na auga e nos alimentos, así como no sangue e ouriños dos traballadores agrícolas ademais de ter un custo medioambiental moi alto: dana a terra e pode filtrarse ata augas subterráneas afectando á calidade da auga potable e a vida acuática. A organización ecoloxista pide ás autoridades estatais que apliquen o principio de precaución e suspendan a comercialización do glifosato ata que se complete por parte da Unión Europea un estudo completo de avaliación, e iniciou unha recollida de firmas para pedir ao ministerio de Sanidade e ao de Agricultura que prohiban este canceríxeno e recordaban que no Estado se venden 125 produtos con glifosato.

 

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS