Financiado por:
/ Portada / Delegados

Poden contribuír os xefes a que se produzan accidentes?

06-11-2013 - SEGURIDADE

Un artigo publicado no último número da revista australiana Safety Science Monitor proponse complementar o mito de que o "cumprimento das normas garante a seguridade" con outro: que "os xerentes operativos constrúen a seguridade mediante a creación de condicións ambientais favorables á seguridade no traballo".

Por un "mito" entenden os autores unha formulación que expresa unha verdade parcial respecto a un fenómeno.

A expresión "condicións ambientais" refírese ás condicións que inflúen nas oportunidades que unha organización, unha unidade produtiva, un grupo ou un individuo teñen de controlar o risco de que se produzan accidentes graves.

Con base nunha revisión bibliográfica e entrevistas cualitativas, a idea de que os xerentes operativos constrúen a seguridade mediante a creación de condicións ambientais favorables elabórase analizando dous exemplos da industria petroleira.

O primeiro mostra como o fracaso na creación de condicións favorables para un traballo seguro contribuíu á explosión da refinaría de British Petroleum en Texas City, en 2005, un accidente que produciu 15 mortos e máis de 170 feridos. En concreto, reducíronse os presupostos de investimentos e exerceuse unha gran presión para a redución de custos.

O segundo exemplo é como os directivos da industria petroleira norueguesa tratan activamente de evitar o estrés excesivo e as presións temporais en relación co tempo de inactividade nas operacións de perforación, fundamentalmente adoptando medidas para evitar incidentes que conduzan a paradas e polo tanto limitando a presión por este motivo sobre os traballadores.

Os autores conclúen que se os directivos fracasan no obxectivo de proporcionar unhas condicións axeitadas para que o traballo se realice con seguridade, poden contribuír indirectamente a que se produzan accidentes. A seguridade non está garantida por un único medio, como o cumprimento das normas, e polo tanto a creación das condicións ambientais favorables para a seguridade no traballo é unha parte esencial dunha visión máis complexa da seguridade.

 

Fonte: Safety Science Monitor

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS