Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

Pena de dous anos de cárcere por un caso de acoso laboral no sector público

01-07-2014 - Psicosocial

O traballador sufriu durante anos actos vexatorios por parte dun supervisor. A Audiencia Provincial de Santander acaba de confirmar unha sentenza que condena ao seu acosador, funcionario do Instituto Español Oceanográfico nun centro de Santander, a dous anos de cárcere e a pagar unha multa de 41.000 euros á súa vítima, ademais de suspenderlle do seu emprego e cargo público durante o tempo da condena. Trátase dun fallo pioneiro, xa que apenas existen precedentes de condenas a prisión por 'mobbing'.

A sentenza da Audiencia ratifica un fallo anterior dun Xulgado do Penal de Santander, que considera probado que existiron "actos vexatorios reiterados que integran un trato degradante" e "menoscabo grave da integridade moral, ao sufrir a vítima sensacións de sufrimento psíquico humillante e envilecedor". A vítima sufriu episodios de angustia, ansiedade e depresión e chegou a causar baixa durante case un ano e medio. Unha incapacidade temporal que foi recoñecida como a consecuencia dunha situación de acoso no traballo.


Os actos vexatorios que exerceu o investigador condenado van desde trato despectivo, ordenamento de traballos de inferior cualificación con crítica negativa, baleirado de contido do posto de traballo, prohibicións inmotivadas, illamento, berros e voces ou puenteo, entre outras. A vítima tamén sufriu "humillacións físicas innecesarias", como palmadas no pescozo.  


O traballador estuda agora xunto cos seus avogados emprender de novo accións xurídicas, neste caso contra responsables do Instituto Español Oceanográfico, que agora depende do Ministerio de Economia e Competitividade, por non tomar medidas efectivas para evitar unha situación de acoso que o organismo coñecía.


 
De feito, un informe da Inspección Xeral de Servizos do Ministerio de Educación e Ciencia datado en 2007 (o ano no que a vítima interpuxo a denuncia, primeiro administrativa, e logo penal) , sinalaba a existencia de "numerosos indicios dun comportamento dunha grave falta de consideración e, en caso de poder achegar testemuñas directas, de malos tratos persoais". Falaba tamén de que durante anos se produciron "problemas graves" nas relacións persoais e profesionais que ocasionaron a solicitude de traslado dun amplo número de funcionarios e que existían "numerosos testemuños de queixas e denuncias".


O informe consideraba conveniente estudar o traslado do acusado. Con todo, o Instituto trasladou á víctima, ao que moveu a un edificio no que, segundo reclamou, non podería desenvolver a súa especialidade. A día de hoxe, o traballador segue desempeñando as súas funcións nese centro.

Queixas de traballadores
Tanto en 2006 como en 2008, un grupo de preto de 30 traballadores do Instituto en Santander dirixíronse por escrito ao Director Xeral do Instituto Español de Oceanografía como ao Director do Centro Oceanográfico de Santander para facerlles coñecedores de que un "extenso número de bolseiros, contratados e funcionarios" optaran polo traslado e mesmo á renuncia de bolsas "por trato inapropiado e desconsiderado" por parte do funcionario agora condenado.
Na súa carta de 2008, os traballadores expresaban a súa "preocupación e indignación" pola falta de medidas efectivas" e mencionaban, ademais, a gravidade do caso deste traballador. "O lamentable desta situación é que teñamos que ser os propios compañeiros e traballadores dunha institución os que debamos solicitar e reiterar á Dirección do IEO para que tome unha solución efectiva a estes problemas", dicían.

Fonte: eldiario.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS