Financiado por:
/ Portada / Delegados

Pena de cárcere para un empresario acusado de homicidio imprudente nun accidente laboral

29-11-2016 - Sentenza

O Xulgado do Penal Nº3 de Xixón condenou a un ano e medio de cárcere e ao pago de 190.000 euros en indemnizacións a un empresario ao que se responsabiliza do accidente laboral que tivo lugar en xaneiro de 2014 no porto de Xixón no que faleceu un mozo de 26 anos. O empresario aceptou a pena logo de recoñecer os feitos. Aínda que nun primeiro momento a Fiscalía pedía dous anos de cárcere, a decisión do imputado de consignar na conta do xulgado a cantidade estabelecida como indemnización determinou que o fiscal aceptase rebaixar a condena.

Segundo o escrito de conclusións realizado polo representante do Ministerio Público encargado do caso, o día de autos o empresario "ordenou ao seu traballador a utilización de equipos perigosos, asumindo a realización de traballos con equipos alleos ao control da propia empresa e sen realizar comprobacións previas e periódicas dos mesmos". No momento do suceso o traballador, desempeñaba a categoría profesional de palista e xefe de pranta. "Cando ía limpar os viarios e a báscula seguindo as instrucións do seu xefe, pediu prestada a outra empresa unha cisterna remolcada por un tractor. Cando se dispoñía a encher de auga a cisterna a comporta desta e as súas pernos rebentaron e saíron disparados, golpeando ao traballador e causándolle a morte". A Garda Civil de Xixón apuntou que a tapa da cuba, localizada a máis de 25 metros de distancia, déralle ao traballador na cabeza.
Así, segundo a Fiscalía, o accidente  produciuse "como consecuencia dun exceso de presión no interior da cuba polo enchido incorrecto da mesma" e culpa desta neglixencia ao dono da empresa para a que traballaba o falecido, ao que acusa de "incumprir de maneira absoluta as obrigacións derivadas do seu cargo, en especial as asumidas en materia de prevención de riscos laborais".  O acusado foi "quen deu a orde ao traballador de limpar os viarios e a chaira de carbóns sen comprobar persoalmente ou a través dunha empresa o equipo de traballo causante do accidente antes de que fose utilizado". O agora imputado "tampouco formou nin informou o traballador falecido sobre o manexo da máquina antes de que a utilizase".

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS