Financiado por:
/ Portada / Delegados

Os responsables dun accidente laboral nas voaduras para a construción dun aparcadoiro na Coruña evitan o cárcere

10-11-2014 - ACCIDENTE LABORAL

Dous empresarios, un artilleiro e o director das voaduras que se realizaron en abril de 2004 durante a construción do aparcadoiro da urbanización do Papagaio evitaron ingresar en prisión polo accidente laboral sufrido por un dos operarios. A vítima, que resultou ferida grave, traballaba na zona cando estouparon restos de goma-2 dun barreno falido que non estalara.

A Fiscalía reclamaba que cada un dos catro procesados fose condenado a dous anos e tres meses de cárcere e a aboar unha multa de 3.600 euros, así como á inhabilitación para o exercicio da súa profesión durante tres anos. O atraso no proceso xudicial por causas alleas aos imputados -os feitos sucederon en 2004 e a vista oral fixouse en 2014- provocou que o Ministerio público chegase a un acordo antes do xuízo sobre a pena coa defensa dos sospeitosos, aos que se lle tivo en conta o atenuante de dilacións indebidas.

Os acusados declaráronse culpables e aceptaron a condena que lles impuxo a maxistrada do Xulgado do Penal número 4 como autores dun delito contra os dereitos dos traballadores en concurso cun delito de lesións por imprudencia grave. Cada un foi sentenciado a tres meses de cárcere e ao pagamento de multas que oscilan entre os 1.080 e 540 euros. Ningún ingresará en prisión, xa que a pena é inferior a dous anos e carecen de antecedentes. Dous dos condenados a unha multa, segundo destaca a xuíz, omitiron "as máis elementais medidas de precaución esixidas de acordo cos seus coñecementos técnicos e funcións, co fin de salvagardar a vida e integridade física dos traballadores, xa que non comprobaron que non quedasen restos de goma-2 na zona".

O accidente sucedeu como consecuencia das voaduras controladas que se realizaron no Papagaio os días 1 e 2 de abril de 2004. A promotora do aparcadoiro subcontratara a demolición e o desentullo dos sete edificios que antes había no soar unha empresa que á súa vez requiriu os servizos doutra compañía para executar os labores de perforación e utilización de explosivos.

Os propietarios das dúas empresas subcontratadas foron dous dos condenados, aos que hai que sumar o artilleiro e o director das voaduras. Unha vez realizadas as explosións, sobre as 15.30 horas do día 2 de abril, permitiuse o acceso á obra á vítima, que traballaba como padexeiro, para desfacer un noiro cun martelo picador. Cando realizaba a súa tarefa, explotou un barreno falido das voaduras que se fixeran pola mañá na zona e que "non fora debidamente eliminado", segundo admitiron os propios imputados.

O estalido provocou a proxección de pedras, que alcanzaron á retroescavadora e ao traballador, que sufriu feridas graves, sobre todo na perna dereita. O afectado, que non reclamou indemnización por vía penal, estivo 25 días hospitalizado e tardou 209 en curar das lesións. Como secuelas quedáronlle cicatrices no xeonllo dereito, na fronte e na clavícula que lle causan un prexuízo estético "moderado", segundo indica a xuíz na sentenza, contra a que non cabe recurso.

 

Fonte: A opinion Coruña

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS