Financiado por:
/ Portada / Delegados

Os médicos/as de familia contrarios a que as mutuas den altas en casos de continxencia común

23-04-2018 - SEMG

A CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais) ven de propoñer nunha reunión con representantes de sindicatos e Goberno, que as mutuas poidan dar altas en determinados procesos de continxencia común, en concreto en patoloxías traumatolóxicas e psiquiátricas, co fin, segundo os representantes da CEOE, de reducir a carga burocrática das baixas e conseguir un importante aforro de diñeiro. Os médicos/as de familia poñen en dúbida esta proposta: " non existe ningunha evidencia de que as mutuas aforren cartos ou den baixas de menor duración" segundo o vicepresidente primeiro da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG).

En relación a este tema, a Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT) sinala que a separación entre a entidade que satisface a prestación económica da baixa por enfermidade común e a entidade que presta a cobertura sanitaria conleva "unha excesiva carga burocrática" e ten consecuencias en "tempo de atención a pacientes (listas de espera)". "Sen dúbida é a mellor forma de evitar o uso indebido da prestación por parte de algúns traballadores/as, así como de minimizar as ineficiencias que provoca o que se denomina absentismo estrutural". Segundo AMAT, no caso de que as mutuas puideran prestar asistencia e dar altas en casos de continxencia común derivados de patoloxías traumatolóxicas e psiquiátricas, "podería obterse un aforro directo de máis de 1.100 millóns de euros anuais para o Sistema da Seguridade Social e para as empresas".

Dende a vicepresidencia da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, indicase en relación a este tema que "as mutuas manteñen un número de días de incapacidade temporal máis baixo porque están a manexar accidentes de traballo" e que "cando manexan continxencias comúns o tempo alóngase"; no caso das probas diagnósticas na área de traumatoloxía poden ter un acceso máis rápido "pois case todos os seus servizos están orientados hacia ahí" e matiza que "as baixas por continxencias comúns non son iguais";  "reclamar todas as baixas de traumatoloxía para sí non está basado en nada".

En relación ás baixas psiquiátricas, indica que "case ningunha mutua ten servizo de saúde mental, o que fan é concertar esa atención con outro profesional; co cal estamos no mesmo: chegan a ter a mesma demora que no sistema público".  Así mesmo, sinala que "non hai ningunha evidencia de que os médicos/as de familia regalen baixas por problemas de tristeza ou emocionais"; tendo en conta que as patoloxías relacionadas coas enfermidades mentais supoñen en torno ao 40% da actividade diaria dos centros de saúde, declara que "reclamar a xestión deste tipo de baixas para alguén que non ten experiencia nelas non vai a aportar ningunha melloría".

Así mesmo indica que o suposto aforro que menciona AMAT baséase en "trasladar a duración dunha baixa de incapacidade temporal dun proceso traumatolóxico por accidente de traballo coa duración media dunha baixa por enfermidade común, o que é comparar peras con mazás". Así mesmo sinala que dentro da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, hai profesionais que traballan en mutuas e que teñen os recursos moi contados, polo que o incremento de actividade xeraría as mesmas situacións de espera que se viven no sistema público. 

O vicepresidente da SMEG engade que logo da reforma de 2014 hai aspectos da asistencia nos que as mutuas non están a traballar como deberan: "O Tribunal de Contas fixo un informe bastante demoledor respecto ás mutuas: baixas laborais sen parte de baixa, non dar partes de incapacidade nos períodos que marca a lei, etc." . "Supoñíase que os médicos/as iamos ter acceso ás baixas laborais e aos motivos que as xeraban en caso de accidente de traballo, e iso non chegou a desenvolverse nunca. Ao final acabas sabéndoo porque cho di o paciente, que lle deron o alta e teslle que volver dar a baixa porque non se recuperou totalmente, sobre todo en casos en que unha enfermidade dexenerativa a fan pasar como común" e conclúe "A baixa é un recurso social que data dos anos 50 do século pasado. As mutuas son asociacións de empresarios, pero manexan o diñeiro das cotizacións da Seguridade Social”.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS