Financiado por:
/ Portada / Delegados

Os accidentes viais laborais supoñen 2.000 millóns de euros ao año no Estado español

07-05-2019 - SEGURIDADE

O RACE, en colaboración con GAD3, realizaron o I Informe sobre a Seguridade Viaria Laboral no Estado, traballo sobre a a seguridade viaria durante a xornada laboral que provoca 249 mortos e un custo estimado de 2.000 millóns de euros ao ano. Para o informe utilizáronse fontes do Ministerio de Traballo, Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Instituto Nacional de Estatística, DXT, Comisión Europea e EUROSTAT. Ademais, realizáronse enquisas a máis de 2.000 persoas, entre as que se inclúen 300 responsables de Prevención de Riscos Laborais en empresas estatais.

Dende o ano 2013, a accidentalidade viaria laboral experimentou un ascenso coincidindo cos anos nos que se reflectiu unha mellor taxa de emprego e mellores resultados na actividade económica. Con todo, o parque de vehículos en circulación non creceu nas mesmas proporcións.

Ao longo da serie temporal estudada, os accidentes viarios laborais representan entre un 11% e un 12% do total de sinistros laborais ocorridos no Estado español, sendo o primeiro factor de mortalidade entre os accidentes laborais (38% do total).

En 2018, 249 persoas perderon a vida en accidentes viarios laborais. O perfil con máis risco de sufrir un accidente viario laboral é o de mulleres entre 16 e 29 anos nos accidentes in itinere -aqueles que se producen desprazándose desde e ata o lugar de traballo e que supoñen o 70% do total-, e homes entre 16 e 29 anos nos accidentes en misión -os producidos durante a xornada laboral-.

Ademais, prodúcense máis accidentes indo ao traballo (64%) que volvendo del, e destaca que é máis probable que unha persoa sufra un accidente se leva pouco tempo traballando na empresa (menos de 6 meses) e se a compañía é grande (máis de 250 traballadores).

O segundo gran dano que provocan este tipo de sinistros é o económico, xa que as baixas por accidentes viarios laborais supuxeron, de media no últimos nove anos, preto de 2.000 millóns de euros á sociedade, dos que 100.600.056 euros ao ano son unha carga para a Seguridade Social.

Por tipo de accidente, o custo medio de cada accidente leve que produciu unha baixa ascende a 17.900 euros, por 237.800 euros o grave e 1.913.000 o mortal. Os custos engloban gastos médicos e de rehabilitación, servizos xudiciais, de emerxencia, danos materiais e perdas de produción.

Segundo o informe do RACE, o 54% de traballadores/as que sufriron un accidente viario laboral conducía un coche, mentres que un de cada catro, o 23%, conducía unha moto, unha cifra seis veces superior ao que debería corresponderlle estatisticamente por uso, sendo o tipo de vehículo máis perigoso.

Respecto ao 13% dos traballadores/as que utiliza o transporte público, a proporción de sinistralidade neste medio é inferior ao 1%, polo que a probabilidade de sufrir un accidente viario laboral neste tipo de transporte é practicamente nula.

Os traballadores/as por conta allea pensan que a tensión e as présas (72%), así como o cansazo (67%) e o uso do móbil (66%) son os principais motivos de accidente. Os traballadores/as por conta propia coinciden nos dous primeiros factores (83% en ambos os), mentres que colocan en terceiro lugar de perigo as xornadas laborais longas (73%).

Ambos tipos de traballadores/as póñense tamén de acordo á hora de sinalar a medida máis necesaria en materia de prevención: axudas para a revisión e o mantemento dos vehículos, cun 77% e un 84%, respectivamente. Para os traballadores/as por conta allea, a segunda axuda debería ser para o transporte público (77%) e o fomento do teletraballo (72%) en terceiro lugar. Pola súa banda, os traballadores/as por conta propia antepoñen o feito de equiparar os vehículos con mellores sistemas de seguridade (80%) e as axudas para ter vehículos con asistentes de condución (77%).

Pola súa banda dous de cada tres responsables de PRL de empresas consideran que mellorou ‘’ a seguridade viaria nos últimos anos, cando os números mostran unha clara tendencia negativa. Un exemplo claro témolo na formación viaria que imparten: só o 27% dos traballadores/as recíbena, mentres que un 60% son formados ante incendios e evacuacións. Por poñer estes datos en contexto, ‘só’ hai 4.000 baixas por este motivo, comparadas coas 69.000 provocadas polos accidentes de tráfico laborais.

Ademais, o 78% dos responsables de PRL enquisados exoneran as empresas dos sinistros ocorridos in itinere, culpando aos propios traballadores/as e, indirectamente, á DXT. Os motivos dos accidentes son, para as empresas, as présas (98%), as distraccións -sobre todo o uso do móbil- (95%) e o feito de non respectar as normas de circulación (95%).

Como medidas para reducir os accidentes in itinere por parte das empresas, destacan a formación en materia de seguridade viaria (85%), a prevención de riscos dentro da empresa (82%) e o fomento do teletraballo (76%).

O 93% dos españois deben desprazarse para desenvolver a súa actividade profesional, dos que o 77% utilizan un vehículo a motor privado -en menor medida, de empresa-, percorren 10 km de media no traslado in itinere e tardan unha media de 28 minutos en completar o seu traxecto. O momento máis perigoso é o martes entre as 8 e as 9 da mañá, a peor estación é outono e as Comunidades Autónomas con maior taxa de accidentes por cada 100.000 habitantes son Andalucía (414,3), Cataluña (386,4) e Murcia (375,8). As de menor taxa son Castela – A Mancha (158,2), Estremadura (192,4) e A Rioxa (233,8).

O traballo conclúe achegando propostas para traballadores/as, empresas e administración.

 Ligazón ao I Informe RACE sobre a Seguridade Viaria Laboral

Fonte RACE

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS