Financiado por:
/ Portada / Delegados

O traballo a tempo parcial gaña terreo en Europa: implicacións preventivas

09-10-2013 - SAÚDE LABORAL

Pouco a pouco, pero constantemente, o traballo a tempo parcial segue aumentando na Unión Europea. Segundo os datos da Labour Force Survey 2012, o país que máis recorre a el é Holanda, onde o 49,2% dos traballadores desempeñan a súa tarefa a tempo parcial. A distancia ségueno o Reino Unido (25,9%), Alemaña (25,7%) e Suecia (25%); en España esa porcentaxe é 14,6% no conxunto da poboación ocupada, se ben segundo a Enquisa de conxuntura laboral no sector privado alcanza xa o 23%. En media, un traballador a tempo parcial en Europa traballa 20 horas á semana, é dicir, media xornada.

Aínda que o traballo a tempo parcial é beneficioso para os que non desexan un emprego a tempo completo (por exemplo por razóns familiares, de estudos, etc.), non é infrecuente que deban acollerse a el moitas persoas que desexarían traballar a tempo completo pero non encontran un traballo nesas condicións.

No conxunto da Unión Europea este problema afecta ao 27% das persoas ocupadas, pero existen grandes variacións entre países.

Así, en Bélxica e Holanda a devandita porcentaxe é de arredor do 10%; en Alemaña, do 16%.

En cambio, nos países do Sur a proporción dos que traballan a tempo parcial porque non encontran traballo a tempo completo é moito maior: en Grecia, o 65%; en España, o 61%; en Italia, o 59%; en Portugal, o 48%.

Nestes países, con moita frecuencia un traballador a tempo parcial é en realidade un semiparado que non se contabiliza nas listas do paro.

Dende o punto de vista da prevención de riscos laborais o traballo a tempo parcial sería en principio beneficioso, pois reduce o tempo de exposición aos factores de risco, calquera que sexan e, polo tanto, faría menos probable que se producisen danos á saúde.

Ao mesmo tempo, non obstante, o fenómeno contribúe a reducir artificialmente as cifras de sinestralidade cando estas se avalían a través do índice de incidencia (nº de accidentes ao ano por cada 100.000 traballadores) pois aumenta inxustificadamente o denominador, que debería axustarse para ter en conta non o número bruto de traballadores, senón o número de traballadores equivalentes a tempo completo.

Que coñezamos, o único país que efectúa esta corrección é Alemaña. O resto limítanse a exhibir unhas cifras tanto máis optimistas pero menos reais canto maior sexa a proporción de traballadores a tempo parcial.

 

Fonte: Prevención Integral & ORP Conference

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS