Financiado por:
/ Portada / Delegados

O informe da Axencia Ferroviaria Europea sobre o accidente do Alvia en Santiago, cualifica a investigación encargada polo Goberno do PP como inválida e falta de independencia.

26-08-2016 - AXENCIA FERROVIARIA EUROPEA

Un informe sobre o accidente do Alvia en Santiago de Compostela realizado pola Axencia Ferroviaria Europea, expón as feblezas da investigación encargada polo Goberno do PP á Comisión española de Accidente Ferroviarios, cualificándoo entre outros calificativos de inútil e falto de independencia.

O demoledor informe da Axencia Ferroviaria Europea pon de manifesto a invalidez e a falta de independencia da investigación do accidente que levou a cabo a Comisión de Accidente Ferroviarios por encargo do Goberno do PP. A Ministra Ana Pastor e os máximos responsables do Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE deben dimitir por obstaculizar o esclarecemento das verdadeiras causas e impedir que se depuren todas as responsabilidades, políticas e xudiciais dun accidente que deixou 81 pasaxeiros mortos e máis de 140 feridos.

O máximo órgano técnico en materia de seguridade ferroviaria na Unión Europea, expón no seu informe todas as inconsistencias da investigación do accidente de alta velocidade de Santiago de Compostela que finalmente fai que este poida considerarse completamente inválido. No informe demóstrase o incumprimiento da Directiva Europea de Seguridade Ferroviaria por parte do Ministerio de Fomento, concluíndo que “tendo en conta a extremadamente seria natureza deste accidente debería abrirse unha investigación que cumpra coas esixencias de independencia.”

O pasado xoves 7 de xullo, en Bruxelas, membros da Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155, acompañados da eurodeputada do BNG Ana Miranda, recibiron de mans dos máximos responsables en seguridade ferroviaria da Unión Europea este informe, que se demorou varios meses polas presións do Goberno Español para que non se fixese público. Despois das peticións e recursos para que se fixese público e grazas a máis de 270.000 cidadáns que apoiaron estas inicitivas coa súa sinatuta e o apoio incondicional do BNG en Bruxelas, a cidadanía dispón deste informe que inequivocamente avala a loita emprendida polas vítimas do Alvia e o conxunto da sociedade.

- A composición do equipo de investigación da CIAF non garante a independencia que require a investigación do accidente, por estar integrado por persoas vinculadas a ADIF, RENFE e INECO. Deste último organismo, responsable da avaliación de seguridade da liña ferroviaria, e que deixou a seguridade en mans do condutor, sinala expresamente que como partícipe dos feitos non pode formar parte do equipo de investigación do accidente.

- As preguntas clave ás que non dá resposta a investigación son as referidas aos organismos que forman parte do equipo de investigación: RENFE Operadora, ADIF e INECO e o papel da Dirección Xeral de Ferrocarrís.

- O informe da CIAF céntrase no fallo humano e non dá resposta a preguntas esenciais, nin determina as causas estruturais e causas raiz, que son as que con toda probabilidade refírense ás actuacións que implicarían a ADIF, RENFE e INECOobviando as causas principais como: o cambio de proxecto que rebaixou a seguridade e a desconexión do sistema de control de velocidade,  que de non terse producido houberan evitado o accidente.

- Non se analizou de forma crítica cuestións transcendentais como as decisións relativas ao deseño da liña, ao tren implicado no accidente, ás autorizacións de posta en servizo, nin a forma en que se realizou a avaliación de riscos, entre outras.

- Vítimas e familiares non foron informados, nin se lles deu a oportunidade de expor cuestión algunha, tal e como obriga a Directiva.

Chegados a este punto, as vítimas e familiares esixen unha investigación independente, que esclareza as verdadeiras causas. Esixen que se depuren responsabilidades, tanto penais como políticas. Confían en que este informe nos achegue a todos á Verdade e a Xustiza, agora que van cumprirse tres anos da traxedia. Confían como non pode ser doutra maneira, que sexa esclarecedor para o Xuiz e o Fiscal o proceso de instrución reaberto por decisión da Audiencia Provincial de A Coruña. E esixen explicacións á Ministra Ana Pastor e que asuma as súas responsabilidades en todos os ámbitos que lle corresponda.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS