Co financiamento de:
/ Portada / Delegados

O benestar, nova prioridade para a política de saúde de Europa 2020

03-05-2013 - SAÚDE

Por primeira vez na historia da Organización Mundial da Saúde (OMS), estableceuse "a mellora do benestar da poboación" como unha prioridade sanitaria. Así o recolle o último informe da Oficina Rexional Europea da OMS, que leva por título: “Informe Europeo da Saúde 2012 - trazando o camiño cara ao benestar” (European Health Report, 2012 - charting the way to well-being), dado a coñecer a finais de marzo de 2013.

Dende hai máis de 60 anos, a OMS incorporou un novo concepto de saúde, que establece que a saúde se define non só por "a ausencia de enfermidade", senón por "un estado de completo benestar físico, mental e social".

Non obstante, ata a data, non se determinaran os parámetros necesarios para a avaliación do benestar dos cidadáns, de tal maneira que este aspecto, clave na definición da saúde, quedara fóra dos informes da OMS (centrados na medida dos índices de mortalidade, morbilidade e minusvalidez).

Tal e como afirmou Claudia Stein, directora da división de Información, Evidencia, Investigación e Innovación da OMS e unha das responsables do informe, "todas as sociedades e culturas valoran o benestar e a saúde case na mesma medida.

O benestar formou parte da definición da saúde da OMS dende as súas orixes, (...) É o momento de que marquemos o camiño cara ao benestar, que está tan intimamente ligado á saúde".

Nesta liña, o informe presentado pola Oficina Rexional Europea da OMS recoñece expresamente "a mellora do benestar da poboación" como unha parte integral da nova estratexia sanitaria de Europa 2020, abrindo un novo campo de acción.

A OMS definiu un plan de traballo para poñer en práctica este enfoque, que inclúe unha axenda de colaboración entre os diferentes países, para recompilar, analizar e avaliar indicadores de benestar, que estean dispoñibles a finais do ano 2013. Así mesmo, estableceuse un plan de estudo que permita facer uso desta información para facilitar a elaboración de políticas sanitarias integrais, que consideren conxuntamente a mellora da saúde e do benestar dos cidadáns.

Este informe, ademais de rescatar o papel do "benestar", proporciona os últimos datos sobre indicadores de saúde nos 53 países que conforman a Rexión Europea -tal e como vén sendo habitual cada tres anos-.

Entre as conclusións do informe, convén destacar:

  1. Realizáronse importantes progresos en materia de saúde en Europa; non obstante, seguen existindo serias desigualdades entre os diferentes países.
  2. Os europeos vivimos máis anos. Dende 1976, a esperanza de vida aumentou en toda a rexión ao redor de 5 anos, situándose nunha media de 76 anos en 2010. Como dato a destacar, as mulleres españolas lideran a lista de lonxevidade no ámbito europeo.
  3. A poboación europea está a envellecer. As persoas maiores de 65 anos representarán máis do 25% da poboación total no ano 2050. Non obstante, obsérvanse diferenzas na esperanza de vida entre homes e mulleres, e entre os diferentes países e grupos de poboación. En concreto, a esperanza de vida das mulleres situouse nos 80 anos en 2010, mentres que a dos homes foi de 72,5 anos. Segundo se detalla no informe, esta brecha entre homes e mulleres pode explicarse polas diferenzas nos estilos de vida e tipos de ocupación.
  4. Obsérvase un descenso paulatino nos niveis de mortalidade da poboación europea (máis acentuado na parte oriental de Europa), sendo as enfermidades crónicas as responsables do 80% das causas de mortalidade. Dentro deste grupo de enfermidades crónicas, os trastornos cardiovasculares lideran a lista, ocupando o 50% dos falecementos, seguidos do cancro (cun 20%).
  5. As enfermidades transmisibles, aínda que menos frecuentes en Europa que noutras rexións do mundo, seguen sendo motivo de preocupación, en particular, a tuberculose, a SIDA e outras enfermidades de transmisión sexual.
  6. O consumo de alcohol e tabaco entre a poboación europea constitúen os factores de risco para a saúde máis prevalentes. Segundo os datos achegados, estímase que o alcohol é o responsable do 6,5% das mortes en Europa e que o 27% da poboación europea maior de 15 anos é consumidora habitual de tabaco.
  7. As taxas de suicidio no ámbito europeo diminuíron entre o 24 e o 40%, en comparación co aumento rexistrado na década dos 90, se ben esta tendencia ten enlentecido, coincidindo co inicio da crise económica en 2008.

Segundo a nota de prensa emitida pola OMS, Zsuzsanna Jakab, directora da Oficina Rexional Europea da OMS, advirte que "a Rexión Europea está a experimentar cambios importantes, que están a perfilar as próximas prioridades en sanidade e as necesidades de prevención e de atención sanitaria. As tendencias identificadas neste informe axudarannos a anticipar algúns dos retos aos que se enfronta Europa e aos que terá que facer fronte" "no futuro próximo".

 

Fonte: infocop.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS