Financiado por:
/ Portada / Delegados

O HSE factura pouco

20-11-2013 - XESTIÓN PREVENTIVA

En outubro de 2012 o Health and Safety Executive británico que, entre outras funcións, realiza as de Inspección de Traballo de saúde e seguridade nas actividades de risco relativamente elevado (nas actividades de baixo risco como oficinas, comercios e similares os encargados de controlar o cumprimento da lexislación son os concellos), introduciu a obriga dos empresarios de pagar unha taxa polas inspeccións sempre e cando nelas se encontrasen incumprimentos materiais "graves".

Iso, independentemente de calquera sanción, que no Reino Unido só poden impoñer os xuíces. O procedemento bautizouse como "Fee for intervention", abreviadamente FFI, é dicir, "pagamento por intervención".

Como é lóxico, a decisión foi obxecto de ampla polémica, sendo criticada por uns de meramente recadatoria (para compensar os recortes presupostarios aos que o Goberno sometía o HSE) e defendida por outros como un estímulo adicional á prevención.

Un ano despois os discrepantes non poden ocultar o seu xúbilo ao constatarse que a recadación lograda foi de só 5.532.565 libras esterlinas, fronte aos dez millóns que se presupostaran para o primeiro ano de funcionamento do sistema. Unha cantidade que debía aumentar ata 17 millóns no exercicio seguinte e a 24 millóns no posterior. Os resultados do primeiro ano puxeron de manifesto que esa nova fonte de ingresos de pouco servirá ao HSE para equilibrar a súa maltreita economía.

Os sectores que pagaron maior proporción das taxas recadadas foron a industria (38%) e a construción (36%), dun total de 11.281 facturas emitidas. O importe individual de cada unha delas depende da complexidade da inspección realizada, pois a taxa se calcula por hora de actuación do inspector.

Os sindicatos expresaron a súa preocupación polo feito de que tan pouca recadación suxire que moitas empresas deixaron de declarar accidentes co fin de evitar a posible visita dos inspectores do HSE e o pagamento da taxa correspondente.

Sinalaremos finalmente que as cifras foron reveladas polo HSE non de motu propio, senón tras unha solicitude dunha empresa asesora de prevención ao abeiro da potente lei de transparencia británica.

 

Fontes: prevencionintegral, Construction Enquirer e Risks

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS